Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Esta iniciativa da Xunta xa chegou a máis de 20.000 persoas de toda Galicia, das que 5.600 son da provincia da Coruña // Proporciónase atención gratuíta nos servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación cognitiva TEXTO Claudina Estévez

Coidados porta a porta atende aos maiores de 55 anos do Pino

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou este mércores a unidade móbil do programa Coidados porta a porta situada no centro de saúde do Pino e que estará en Arca ata o venres 30. Trátase dunha iniciativa a través da cal o Goberno galego achega aos maiores de 55 anos atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. A da Coruña é a que rexistra ata o momento un maior número de beneficiarios, con máis de 5.600; a esta séguelle a de Pontevedra, con preto de 5.000. A provincia de Lugo é a terceira que máis persoas leva atendidas neste tempo: máis de 4.600. En último lugar atópase a provincia de Ourense, con case 4.200 usuarios.

Por medio de oito autobuses que percorrerán todos os concellos galegos, agás as sete cidades, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran.

Para ser atendido en calquera dos autobuses de Coidados porta a porta, que continuarán percorrendo o territorio galego, cómpre solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

No tocante ao servizo de podoloxía, o que se fai é unha consulta básica na que se valora o estado xeral do pé. Tamén se leva a cabo un corte e limpeza de uñas e a eliminación de durezas ou calos. E é que, tal e como informan dende a Xunta, “o coidado do pé adquire importancia co paso dos anos. Permite garantir autonomía e previr patoloxías que poidan derivar en complicacións médico-quirúrxicas”. Co servizo de audioloxía realízase unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva. Trátase dunha revisión fundamental para os maiores, porque o deterioro auditivo pode afectar á integración sensorial e dar como resultado unha menor socialización. E no que respecta ao de estimulación da memoria, un profesional realizará unha valoración cognitiva e achegará as pautas desde unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un dano, en caso de habelo. “A alta incidencia de detorioro cognitivo en persoas maiores fai aconsellable a valoración cognitiva e a intervención terapéutica como forma de previr e aminorar o proceso”, sinalan dende o Goberno galego.

A través da web da Consellería de Política Social pode accederse ao calendario que indica cando estará a unidade móbil en cada concello. No caso da comarca de Ordes-Arzúa, hai que destacar que a próxima parada será Frades. Estará os días 3, 4, 5 e 6 de outubro na Praza de Ponte Carreira.

O éxito da iniciativa da vila é tal que este mércores dende o Concello informaban que xa non quedan prazas no servizo de estimulación da memoria. Con todo, a unidade móbil volverá ao municipio fradense a comezos do ano 2023; en concreto, do 23 ó 25 de xaneiro, segundo fontes municipais.

Tamén estará no concello de Touro este servizo os días 7, 10 e 11 do vindeiro mes para atender aos maiores de 55 anos da vila.

comarcas@elcorreogallego.es

O PROTAGONISTA
“Púxose en marcha no mes de marzo”
Antón Acevedo
Director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, sinalou no Pino que esta iniciativa “leva atendidas a máis de 20.000 persoas de toda Galicia desde a súa posta en marcha no pasado mes de marzo, das que 5.600 persoas son da provincia da Coruña”. Tamén informou de que a unidade móbil volverá ao Pino outras dúas veces antes de finais de 2023.

Dito programa enmárcase na aposta do Executivo autonómico por poñer a disposición dos veciños de máis idade que viven no rural todas as atencións que poidan necesitar. A este obxectivo responden o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que garante uns coidados profesionais a uns 25.000 galegos nos seus propios domicilios; o impulso de Xantar na casa, que leva a comida a 1.800 fogares; ou as axudas para crear máis dun cento de Casas do Maior para favorecer o envellecemento activo e saudable.

{ A OLLADA }
A escusa perfecta
Claudina Estévez

Este programa da Xunta é dende logo a escusa perfecta para que moita xente decida facer unha das revisións que ofrece. Ao tratarse dun servizo de balde e que asemade se achega ata as zonas do rural, as facilidades que se brindan son moitas. O servizo de podoloxía é básico para evitar futuras pataloxías; a revisión auditiva tamén o é, posto que non son poucas as persoas que deciden obviar este problema e, en consecuencia, cada vez se illan máis das conversas ao non ser capaces de seguilas. E, como ben é sabido, o ser humano é un ser social, e non poder comunicarse acaba afectando á saúde mental. Por último, atender un posible deterioro cognitivo tamén é fundamental para tratar de aminorar ou evitar este proceso.

29 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.