Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Completan a primeira fase os obradoiros de emprego de A Laracha e Carballo

Os alumnos-traballadores prepáranse para realizar as prácticas // Forman a profesionais en sectores con alta demanda laboral

Despois de case dous meses, os obradoiros de emprego da Laracha e Carballo xa completaron a súa primeira fase.

As especialidades do taller A Laracha VII (pintura industrial en construción e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais) xa completaron parte da formación teórica, tanto específica na súa correspondente especialidade como transversal en materias comúns como a alfabetización informática, a sensibilización ambiental, a orientación, a información e o asesoramento laboral e, tamén, a prevención de riscos laborais.

Neste último aspecto, todo o alumnado recibiu unha formación complementaria en primeiros auxilios e, ademais, o grupo de pintura industrial en construción está a realizar un curso sobre o emprego de Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal que consta de seis horas teóricas de duración e outras oito prácticas.

Este obradoiro de emprego ten unha duración total de nove meses, contando con 20 alumnos-traballadores (dez por cada especialidade) e un equipo directivo, formativo e administrativo composto pola directora, dous mestres, unha mestra/titora e unha auxiliar administrativa. Ten un orzamento de 347.000 euros e está cofinanciado co apoio da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta.

Organízase co dobre obxectivo de formar a persoas que se atopan en situación de desemprego en sectores con demanda de traballadores e, tamén, de realizar actuacións de interese xeral para a cidadanía. Así, a especialidade de pintura industrial en construción centrará as súas intervencións na mellora de edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal, mentres que a especialidade de atención sociosanitaria desenvolverá as prácticas en residencias do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Pola súa banda, na capital de Bergantiños as 18 alumnas e os 2 alumnos que participan no obradoiro dual de emprego Carballo Coida completaron tamén a primeira fase da formación en atención sociosanitaria a persoas dependentes. O alcalde, Evencio Ferrero, e o edil de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, animaron aos participantes a aproveitar a formación para acadar a inserción laboral, dada a gran demanda de persoal que existe nestes momentos coa titulación que obterán os alumnos e as alumnas ao remate do seu período formativo.

Nese sentido, o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego expresou o interese do Concello de Carballo por consolidar a formación en atención sociosanitaria de cara a anos vindeiros.

Dende o Concello carballés aseguran que este obradoiro “permitirá paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores deste sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral”.

O proxecto está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade cunha achega de 346.946 euros para o financiamento da acción formativa, que se complementará con outra partida de 16.500 euros para once incentivos á contratación laboral.

Para o desenvolvemento do proxecto, o Concello de Carballo ten como entidades colaboradoras a Afaber, Aspaber, Cáritas Interparroquial de Bergantiños, a Asociación Íntegro e o Centro de Día da Praza de Vigo.

27 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.