Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Xacobeo. O secadeiro Os Cascóns acolleu a campaña Écociña para promocionar a gastronomía e os produtos galegos entre peregrinos e turistas // Máis dun cento de restaurantes e prazas de abastos sumáronse á iniciativa da Xunta TEXTO José M. Ramos

Congros de Muxía para a cociña autóctona e sostible do Camiño

O secadoiro de congros Os Cascóns, de Muxía, foi escenario este martes dunha nova presentación do programa Écociña no Camiño, unha iniciativa que busca visibilizar prácticas sustentables da hostalería no Camiño de Santiago e que promove a cociña autóctona e sostible para promocionar a gastronomía propia e os produtos galegos entre os peregrinos e os turistas.

No acto, presidido polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e polo alcalde muxián, Iago Toba, leváronse a cabo unha presentación técnica e un showcooking con produtos de proximidade, ao tempo que se deu a coñecer mellor a iniciativa Colleita Propia.

A elección do secadoiro de congros muxián non foi casual, pois esta particular forma de transformar o prezado pescado está moi vinculada ao Camiño. Así, segundo se recolle na propia web do Concello de Muxía, entre os moitos peregrinos que completaban a ruta xacobea no santuario da Barca había tamén bilbilitanos procedentes de Calatayud (Aragón). Na Idade Media traían cordas para os barcos de Muxía e levaban de volta, como pago en especie, pezas de congro dos secadoiros da ribeira. Esa localidade aragonesa segue sendo hoxe un destino de referencia para estes peixes que preparan os dos dous únicos secadoiros de toda a península ibérica, os de Os Cascóns e A Pedriña, ubicados ambos na vila muxiana.

Ademais de Calatayud, o congro seco tamén ten unha importante demanda en diferentes zonas de Castilla, A Rioxa e Cataluña.

Trenor explicou que “a través dos restauradores e os blogueiros especializados en gastronomía mostramos o mellor dos produtos de Galicia en diferentes puntos das rutas xacobeas nas que, ademais de degustar produtos da zona elaborados por cociñeiros do lugar, faise un labor pedagóxico sobre as vantaxes da cesta da compra de proximidade e o compromiso coa sustentabilidade”.

O delegado da Xunta destacou que máis dun cento de restaurantes espallados polas diferentes rutas do Camiño están participando nesta campaña impulsada por Turismo de Galicia, unha iniciativa á que se sumaron tamén as prazas de abastos coa súa oferta de produtos de proximidade, a través de diferentes demostracións de cociña que contan coa colaboración de Aceites Abril e Estrella Galicia. Tamén animou aos restauradores a apostar pola cociña autóctona e polos produtos galegos de tempada porque “o Camiño é o mellor escaparate de Galicia e nel temos que ofrecer o mellor de nós mesmos”, asegurou.

Por outra banda, o representante do Goberno autonómico incidiu na importancia que o boca a boca ten na promoción do Camiño, de aí a necesidade de ofrecer ao peregrino unha boa mesa repleta do mellor das terras e dos mares de Galicia para recuperar forzas logo de cubrir cada etapa da ruta xacobea.

A parada en Muxía correspondeuse coa segunda sesión de Écociña no Camiño, tras ser presentada en Vilanova de Arousa. Proximamente chegará á Ribeira Sacra, e a campaña inclúe tamén unha semana de accións no Camiño con degustacións gratuítas para os peregrinos e actividades abertas ao público nas prazas de abastos das principais localidades xacobeas.

O PROTAGONISTA
“Este destino acolleu 61.000 viaxeiros”
Gonzalo Trenor
Delegado da Xunta na provincia da Coruña

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, sinalou en Muxía que os datos turísticos rexistrados na Costa da Morte o último verán invitan a ser optimistas. Así, sinalou que este destino rexistrou “algo máis de 61.000 viaxeiros e 114.000 noites nos establecementos hoteleiros” destas comarcas atlánticas.

Unhas cifras que, segundo sinalou, superan non só os niveis do pasado ano 2020, senón tamén os rexistros previos á pandemia, xa que se constatou un incremento dun 16 % na cifra de viaxeiros aloxados e dun 19 % no volume de noites.

Uns bos datos que tamén se están a confirmar, segundo Trenor, nas diferentes rutas que conforman o Camiño de Santiago. Así, no que vai de ano chegaron máis de 140.000 peregrinos e as expectativas son boas de cara ao vindeiro 2022, que tamén será Ano Santo e continuará o Xacobeo.

{ PASABA POR AQUÍ }
Sabores da terra e do mar
Manuel Lavandeira

Cando se pregunta aos turistas polos motivos que os traen a Galicia, a gran maioría inclúen entre as súas respostas a gastronomía. A cociña galega e a ampla e variada oferta culinaria dos nosos restaurantes teñen forza dabondo como para atraer visitantes. A clave está na calidade dos produtos galegos, tanto da terra como do mar, e no bo facer dos nosos restauradores. Consciente do gran potencial da gastronomía galega, a Xunta vén de poñer en marcha Écociña no Camiño, unha campaña que pretende tentar os padais de turistas e peregrinos, sabedores de que marcharán da nosa terra con bo sabor de boca, e de que iso converteraos nos mellores embaixadores da nosa terra. Só queda desexarlles un bo proveito e que volvan axiña.

13 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.