Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Conta atrás en Arzúa para evitar tráfico no vial máis transitado

O BNG pide unha actuación inmediata na N-547 // A redacción do proxecto estará lista en breve

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para reclamar a actuación inmediata do Goberno do Estado na N-547 entre Arzúa e Melide “onde se contabilizan ata catro puntos negros”, explican dende a formación. Reclaman a corrección do trazado e a adecuada sinalización da estrada, así como a intervención do Ministerio na travesía que atravesa o centro urbano de Arzúa “ante a alta densidade do tráfico que pon en risco aos viandantes”, sentencian.

Os nacionalistas reiteran que no treito da N-547 que vai desde Arzúa a Melide rexístranse ata varios puntos cunha alta concentración de accidentes. “De feito este tramo é un dos de maior sinistralidade da Rede de Estradas do Estado, o que fai imprescindible intervir para mellorar a seguridade viaria”, aportan.

Informan de que nos últimos meses a situación empeorou debido ao incremento do tráfico, que está a soportar este vial “debido a que a autovía A-54 entre Arzúa e Palas de Rei está aínda en obras”, sinalan.

O BNG denuncia que “esta situación non pode manterse no tempo e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten que actuar de maneira inmediata”.

Ante ditas declaracións, dende o Concello de Arzúa a concelleira de Obras, Begoña Balado, asegura que “xa está a piques de rematar a redacción do proxecto”, di. “Tanto dende a Delegación do Goberno como dende Demarcación de Carreteras están continuamente informándonos para que estemos ao tanto da redacción do mesmo”, explica Begoña Balado. De feito o pasado mes de novembro de 2020 tanto a edil de Obras como o mandatario local arzuán, José Luís García, reuníronse por este motivo na Subdelegación do Goberno da Coruña coa súa responsable, Pilar López Rioboo, e co xefe da Demarcación de Carreteras do Estado de Galicia, Ángel González del Río.

Dende o goberno local confirman que a travesía da estrada N-547 ao seu paso polo casco urbano de Arzúa é actualmente unha das vías que soporta na vila todo o peso do tráfico, e por iso levan feitas xa sucesivas reunións coa Delegación do Goberno para estar ao tanto do avance do proxecto. Uns labores nos que o Ministerio investirá medio millón de euros e que “solucionarán os problemas de seguridade viaria e de consistencia do firme que se veñen padecendo dende hai moito tempo”, sinalan fontes municipais. Iso si, a complexidade deste proxecto, que implicará arranxar a nacional na súa totalidade e colocar asimesmo semáforos manuais “supón tempo”, aclaran dende o Concello. Con todo, insisten en que “a redacción está a piques de rematar e acto seguido comezarían as actuacións, pois trátase dunha contratación directa”, indica a concelleira Begoña Balado.

29 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.