Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Conta atrás para as obras de mellora no polígono de Sigüeiro

Os parques empresariais do concello de Oroso dan un posto laboral a máis de dúas mil persoas

En breve arrancarán as obras de mellora no polígono industrial de Sigüeiro, no concello de Oroso. É por iso que onte achegábase ata o lugar o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, para anunciar un investimento de máis de 99.000 euros para cofinanciar dita actuación. Un proxecto que ten un custe de 123.000 euros, polo que o Concello, tal e como confirmaron fontes municipais, aportará o restante. Con este investimento levarase a cabo a mellora do pavimento na rúa Otero Pedrayo e na avenida Álvaro Cunqueiro e a substitución de canle na rúa Eduardo Pondal.

O representante do Goberno autonómico destacou que “este tipo de actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas ao adecentamento das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”.

Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da comunidade para dar resposta ás necesidades de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias. “Para acadar este obxectivo contamos con varias ordes de axuda, en colaboración cos concellos, para facer que os nosos parques empresariais sexan máis seguros e conten coas infraestruturas necesarias para aumentar a súa capacidade de atraer novas empresas.

“Contamos con apoios para a mellora dos parques empresariais galegos e para a creación de novos viveiros industriais”, engadiu Trenor.

Pola súa parte, o rexedor orosán, Luis Rey, destacou que “a aposta polo emprego industrial foi sempre unha prioridade para o noso concello”, sentenciou. “Máis de 2.000 persoas traballan nos polígonos industriais de Oroso, somos un municipio emprendedor, con chan industrial e moi boas comunicacións por estrada”, engadiu, “polo que este tipo de actuacións de mellora e renovación dos servizos e infraestruturas do polígono son sempre necesarias”. O rexedor estivo acompañado da concelleira de Ensino, Isabel Fernández, e do edil de Obras, José Calvo.

En total a Xunta de Galicia destina este ano 4,12 millóns para apoiar 58 proxectos de mellora das infraestruturas de 52 parques empresariais repartidos por 51 municipios galegos. Deles, 38 son Concellos Emprendedores. A maior parte dos apoios (38) dedicaranse a infraestruturas viarias, aínda que tamén se realizarán proxectos relacionados coa xestión de residuos, a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, plantas de depuración de auga e colectores con vertedura á depuradora municipal, así como instalacións comúns destinadas á loita contra incendios dentro do parque.

15 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.