Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Coplas dunha vila oleira no ‘Cancioneiro de Buño’

Xa foran recollidas pola Real Academia Galega de 1911 a 1913 // Grazas a Dolores Cancela Pérez seguen a escoitarse en foliadas

“Non quero vivir en Buño, / non quero facer máis olas; / quero vivir en Barizo / que é terra das cebolas”. Con estes versos arrincaba no Boletín da Real Academia Galega nº 58, saído do prelo en 1911, o espazo de Cantares populares de Galicia.

Estas dúas coplas son as primeiras das 84 reunidas en varios números da publicación da RAG entre ese ano e 1913, e tamén as primeiras recollidas en Malpica e seguramente na Costa da Morte. Todas elas foron escoitadas a Dolores Cancela Pérez, unha labrega de 17 anos veciña de Buño que coa súa achega facilitou que hoxe sigan a ser cantadas, interpretadas por pandeireteiras e bailadas en foliadas. A súa contribución é agora obxecto de homenaxe en forma de libro: Cancioneiro de Buño, unha coidada edición presentada este martes na sede da Real Academia Galega nun acto que contou coa participación de máis de medio cento de alumnas e alumnos dos CEIP Joaquín Rodríguez Otero (Buño) e Milladoiro (Malpica).

No acto de presentación, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, estivo acompañado polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga; a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro; o editor literario, Xosé Manuel Varela; e mais o fotógrafo Antonio Fernández, quen retratou para esta obra os homes e as mulleres de Buño que seguen a facer desta vila o maior centro oleiro galego.

Tamén asistiu a historiadora Ana Romero Masiá, que ten vínculos familiares con Barizo. Compartiu cos nenos e nenas un chisco da historia das cebolas desta parroquia, mencionadas nos primeiros versos do Cancioneiro de Buño, que xa eran exportadas hai séculos. Salientou ademais a importancia desta terra na súa traxectoria vital.

Víctor F. Freixanes gabou a visibilización de dous mundos creativos tan relevantes na identidade bergantiñá presente nesta obra. Por unha banda, o mundo das coplas populares, nas que dalgún xeito -dixo- “residen as esencias da nosa tradición e da nosa lingua”, e que mesmo serviron de inspiración dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro; e por outra, o mundo da olería, en constante evolución “grazas aos homes e mulleres que recollen a tradición desta arte e lle dan unha nova vida”, afirmou.

O alcalde e a concelleira de Cultura animaron ao alumnado a coñecer o Cancioneiro de Buño “para coñecer de onde vimos. Todos debemos, como mínimo, coñecer e respectar este patrimonio común”, expresou Noelia Freijeiro.

A recolla do Cancioneiro de Buño e doutras coplas populares no Boletín da Real Academia Galega produciuse pouco despois do nacemento desta institución, inaugurada no ano 1906. O interese en composicións como estas obedecía a distintas razóns. “Son documentos non só da creatividade artística do pobo, senón das súas formas de vida, costumes, valores, crenzas e tradicións que se transmitiron de xeración en xeración”, destaca Víctor F. Freixanes no prólogo.

literatura popular
versos cantados e bailados

··· Con este libro “quíxose dignificar a literatura popular galega e, en concreto, a de Malpica”, salientou o editor, Xosé Manuel Varela. Pero as coplas non só teñen relevancia como manifestación literaria. “Estes versos herdados xeración tras xeración tamén se cantaban e se bailaban”, explicoulles aos nenos e nenas.

··· Outra muller, Dorothé Schubarth, recollería en aldeas malpicás máis coplas, publicadas no primeiro volume do Cancioneiro popular galego que asinou a musicóloga suíza co académico Antón Santamarina. Numerosos grupos folclóricos continuaron este labor, levando o Cancioneiro de Buño a foliadas de toda Galicia.

19 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.