Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cortada ao tráfico a ponte de Baio ata o 30 de novembro para a súa ampliación

Zas. Dende este luns, día 18 de outubro, ata o 30 de novembro, a ponte de Baio (Zas) estará cortada ao tráfico para continuar cos traballos de ampliación da infraestrutura.

Durante a execución das obras manterase operativo un paso para os peóns. Para facilitar o tráfico de vehículos, habilitaranse desvíos que xa están sinalizados. Dende a Consellería de Infraestruturas lembran que, ante as dificultades técnicas atopadas, foi necesaria unha reorganización dos traballos e da circulación, da que foron informados “puntualmente os alcaldes dos concellos de Vimianzo e de Zas”.

Concretamente, co inicio das obras comprobouse que a antiga beirarrúa estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte e, unha vez eliminado o firme, observouse que as súas dimensións eran maiores das previstas inicialmente. Isto obrigou a realizar demolicións de maior alcance que as planificadas, executadas sempre tendo coidado de non danar a estrutura.

Ademais, tamén se observaron dificultades para levar a condución de abastecemento polo lugar que estaba previsto inicialmente, xa que a fábrica da ponte (o interior do arco) non é regular. Para salvar esta dificultade, é necesario elevar lixeiramente a plataforma da ponte, para pasar as conducións de abastecemento e eliminar, como estaba previsto, as conducións que discorrían ata agora pola parte exterior.

Rehabilitación e ampliación

A Xunta traballa a ritmo intenso na rehabilitación co obxectivo de tela rematada antes de finalizar o ano. O investimento autonómico ascende a 328.000 euros e o proxecto porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas, como as marxes do río e os treitos de acceso á ponte.

A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, céntrase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais. Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.

18 oct 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.