Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Micoloxía. Pan de Raposo organiza o 6 e 7 de novembro en Cee unhas xornadas con talleres, charlas, exposicións e degustación de petiscos // Vimianzo e Fisterra tamén promoven saídas ao monte // Involucrarán aos escolares TEXTO M. Lavandeira

Costa da Morte abre a porta ó máxico mundo dos cogomelos

Chegou o outono e con el a tempada dos cogomelos, un máxico mundo que cada vez atrae a máis persoas na Costa da Morte, e iso fai que as xornadas micolóxicas proliferen no territorio como o fan os cogordos.

O encontro de referencia son as Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte que organiza cada ano a Asociación Naturalista Micolóxica Pan de Raposo, e que neste 2021 chegan á súa viséxima edición. Vinte anos achegando á cidadanía coñecemento, formación e tamén os sabores dos cogomelos, xa que a cita inclúe degustacións gastronómicas.

Para o vindeiro luns, día 1 de novembro, está programada a saída ó monte con expertos de Pan de Raposo, que guiarán e orientarán aos participantes sobre os aspectos clave á hora de recoller, seleccionar e clasificar os distintos tipos de cogomelos. Na fin de semana seguinte, os días 6 e 7 de novembre, desenvolveranse as xornadas divulgativas.

Como vén sendo habitual, a asociación naturalista organizará unha colorida exposición de especies micolóxicas na casa da cultura de Cee, que se complementará cunha mostra de traballos elaborados por alumnos e alumnas de colexios da zona. Aínda que todo dependerá das condicións climatolóxicas, os especialistas de Pan de Raposo confían en xuntar e amosar exemplares da maioría das especies que poden atoparse nos montes e outros espazos naturais de Galicia.

As exposicións estarán abertas ao público nas dúas xornadas, de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas, e haberá visitas guiadas ás 12.30 horas. Do mesmo xeito, quenes se acheguen á casa da cultura ceense poderán observar co microscopio os cogomelos, no marco dun taller que se desenvolverá o día 6.

O sábado, día 6, terá lugar tamén a primeira das conferencias programadas nesta edición. Correrá a cargo de José María Costa Lago, quen disertará sobre os Cogomelos comestibles. A cita é ás 17.30 horas. Pola súa banda, o domingo, día 7 á mesma hora, José Manuel Castro Marcote, presidente do colectivo naturalista Pan de Raposo, falará das Intoxicacións por cogomelos.

Tanto o sábado como o domingo haberá tamén degustación de petiscos de fungos. Este ano amplíase a oferta culinaria, xa que ademais de servirse, como vén sendo habitual, no Hotel Larry, tamén poderán degustarse no establecementos Mar de Crebas, A Marina e As Viñas.

Outra das novidades desta vinte edición é a proxección do documental Negro púrpura sobre o tema do cornecho do centeo, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia “tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época”, afirman dende Pan de Raposo. A cita, coa que colabora o Concello de Cee, será o día 21 de novembro ás 18.30 horas.

Sinalar ademais que esta vixésimo edición das Xornadas Micolóxicas da Costa da Morte está enmarcada dentro das actividades da XXXIX Semana Galega de Micoloxía.

Despois da cita ceense, a maxia dos cogomelos trasladarase a Fisterra e Vimianzo. O Concello fisterrán, coa colaboración de Pan de Raposo, organizará os días 13 e 14 de novembro as VII Xornadas Micolóxicas. O sábado 13, ás 10.00 horas, partirán da planta baixa do concello para ir a recoller cogomelos ó monte. E o domingo, de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, poderá verse na planta alta do mercado municipal unha exposición das especies colleitadas o día anterior, e tamén se amosarán traballos feitos polos nenos e nenas dos colexios de Fisterra e Sardiñeiro. As xornadas rematarán cunha degustación.

Pola súa banda, en Vimianzo, o Concello e a Peña Barcelonista Irmandiña están a preparar unha xornada similar para o día 14 de novembro. Comezará cunha charla sobre micoloxía na Casa da Cultura (9.15 horas), e despois os participantes sairán ó monte a recoller cogomelos. Á volta farán unha clasificación dos mesmos e, para rematar, haberá degustación. As persoas interesadas deben inscribirse a través da web do Concello (vimianzo.gal) xa que o número de prazas é limitado.

28 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.