Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Costa da Morte queda sen práctico nos peiraos de Cee, Corcubión, Corme e Laxe

As condicións económicas son a principal eiva para que non se cubra a vacante // Portos de Galicia segue a negociar coa empresa e prepara novos pregos

A Costa da Morte quedará, polo menos temporalmente, sen servizo de practicaxe portuario a partir do xoves, 1 de decembro, logo da xubilación do actual práctico e de que a convocatoria realizada por Portos de Galicia para cubrir a praza quedase deserta.

O referido servizo daba cobertura aos portos de Cee, Corcubión, Corme e Laxe, sendo especialmente afectado o peirao ceense de Brens, onde atracan os barcos que abastecen de materiais ás fábricas de ferroaliaxes da empresa Xeal.

Dende o ente portuario aseguran que seguen traballando para que o servizo se recupere “canto antes”, e con tal fin xa están a traballar na elaboración de novos pregos. Ademais, de xeito paralelo, están a negociar coa sociedade que presta o servizo no resto dos portos comerciais de titularidade autonómica, “e si se chegase a un acordo poderíase facer unha adxudicación directa”, afirman.

Lembran que a practicaxe é un servizo que presta unha empresa baixo un prego regulador de Portos de Galicia, que foi aprobado previamente pola Dirección General de la Marina Mercante.

Sinalan ademais que dende hai máis dun ano están en conversas cos prácticos actuais “procurando unha solución de corporación de prácticos (Ribadeo, Viveiro, Burela, Cariño e Cee) de maneira que todos os portos estén atendidos e con garantía independentemente do número de barcos”.

Consideran que esta sería a “solución máis lóxica, pero non foi atendida”, dado que a oferta económica non satisfai as demandas da referida compañía de prácticos. Por iso, dende Portos de Galicia optaron “por sacar a licitación novos pregos”.

Ante esta situación, o BNG volverá a demandar explicacións no Parlamento de Galicia. Lembran que “dende marzo vimos advertindo sobre os erros substanciais que figuraban no prego de condicións para a contratación do servizo e sobre a altísima probabilidade de que quedase deserto, co gravísimo problema que iso suporía para a seguridade da navegación na zona”, indican.

Os nacionalistas entenden que a falta de ofertas está motivada por “eivas substanciais” no prego de condicións e pola rebaixa das condicións económicas. Por iso, o BNG xa solicitara na Comisión de Pesca e Marisqueo que se deisaxe sen efecto o referido prego, pero “o Partido Popular vetou esta iniciativa”.

Dende o BNG consideran que se trata dun “servizo vital para a seguridade marítima no corredor de Fisterra” e que a súa perda comprometerá a actividade portuaria nos peiraos da zona.

Sinalan ademais que dita perda pode supoñer “un novo golpe para as fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría, ao non poder cargar e descargar no porto de Brens a materia prima e dar saída por mar ao producido nos complexos industriais de Xeal”. A razón, engaden, “é sinxela: a figura do práctico e a súa tripulación é imprescindíbel para a entrada de tráfico marítimo nos portos”, din.

SEGURIDADE. Dende a formación nacionalista consideran que “estamos ante un feito gravísimo, porque este servizo desempeña un papel vital na seguridade dos buques, dos seus tripulantes, as instalacións portuarias e a protección do medio ambiente mariño”.

30 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.