Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Costa da Morte reivindica a gran aportación das súas mulleres en todos os eidos

O GDR recolleu nun vídeo as testemuñas e experiencias de 17 profesionais // Crearon tamén microvídeos contra a violencia

A casa da cultura de Vimianzo foi escenario da presentación do proxecto A Costa das Mulleres, a través do cal o GDR da Costa da Morte deulle voz a mulleres profesionais en distintos eidos para poñer en valor o gran labor que desenvolven na sociedade e, ao mesmo tempo, reivindicar a igualdade e rexeitar a violencia de xénero.

Fixérono a través dun documental no que explican as súas experiencias vitais como mulleres e tamén nas súas respectivas profesións ou oficios, o cal se complementou cuns microvídeos protagonizados por estudantes e profesores de Muxía cos que pretenden visualizar, sensibilizar e concienciar da importancia de combater tamén os micromachismos.

Unha das protagonistas do documental, Lucía Calvo, xerente da explotación agrícola La Despensa D’Lujo, en Erbecedo (Coristanco), subliñou a importancia de iniciativas coma esta “que tentan poñer tamén en valor o rural galego, onde levo vivindo case corenta anos”. Dixo sentirse orgullosa de vivir “na Galiza profunda que inculca valores, e nós temos que transmitir eses valores do campo ás novas xeracións”.

Resaltou que “as mulleres sempre estivemos en primeira fila e debemos seguir sempre aí para mellorar”. Agradeceu ademais ao GDR que lle dese a oportunidade de “alzar a voz polas mulleres de Costa da Morte que loitamos para tratar de non quedar atrás”.

No acto, que foi guiado polo xornalista Santiago Garrido, participou tamén a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen, como fixo Lucía Calvo, reivindicou o labor e o saber das avóas. No seu caso, engadiu, “miña avoa Lola, profundamente cariñosa, chea de valores” era desta “Galicia profunda, da que quenes nos quixeron amolar usando ese termo, o único que fixeron foi remarcar o noso orgullo pola nosa terra”.

Avogou ademais por manter a loita e o traballo contra a violencia os 365 días do ano, e afirmou que “a clave é a formación de toda a sociedade”. Aplaudiu e agradeceu a iniciativa do GDR de Costa da Morte e dixo que lle gustaría que “estes vídeos se utilizasen nos centros educativos”.

FORTES E VALENTES. Moisés Blanco, subdirector de Relacións cos GDRs, comprometeuse a “contribuír a difundir este gran traballo” e subliñou que “as mulleres son moi importantes no rural, son fortes e valentes”. Pola súa banda, o presidente do GDR Costa da Morte e alcalde de Zas, Manuel Muíño, sinalou que mulleres como as que protagonizan o documental “tiveron que pelexar moito, e aínda hoxe en día as mulleres seguen pelexando moito máis que calquera home”. Avogou tamén por facer fronte a outras violencias que lles afectan como “a inferioridade nos salarios, as trabas para desenvolver os seu traballo ou o feito de ter medo a saír soas pola rúas polo feito de ser muller”.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradeceu a iniciativa do GDR Costa da Morte, sinalando que a través das experiencias de mulleres traballadoras de distintos eidos “todos podemos coñecer como é ese día a día”.

Ás protagonistas do audiovisual agradeceulles que “alzáredes a voz ante o problema da violencia, e que nos teñades acompañado neste camiño e esta loita que desexamos que se poida acabar o antes posible”.

21 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.