Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Crean unha asociación de profesionais do comercio no municipio de Camariñas

Asumirán a xestión da plataforma de venda online impulsada polo Concello // A experiencia está obtendo moi boa acollida

Os profesionais do sector comercial do Concello de Camariñas veñen de constituír unha asociación de comerciantes que será, a partir de agora, a encargada do desenvolvemento e mantemento da plataforma MerCamariñas, a central de venta en liña para os establecementos do municipio e á que se incorporan, como novidade, as tendas de encaixe do municipio. A xunta directiva está integrada por un total de seis membros e asumiu o cargo de presidenta Silvia Castiñeira.

MerCamariñas naceu o pasado ano co obxectivo de adaptar aos vendedores e vendedoras ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet. Desde o seu nacemento realizáronse transaccións a nivel local pero tamén internacional, con produtos exportados a países como Alemaña ou Holanda.

Para poder levar a cabo estas tarefas o Concello de Camariñas proporcionou unha formación previa aos responsables de cada establecemento. Fíxose a través de sesións prácticas nas que se trataban temas como a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, edición fotográfica fácil, xestión da tenda virtual, como escribir para que Google coloque á tenda nos resultados de busca ou para estimular ao cliente a comprar e, ademais, tamén se asesorou aos comerciantes no ámbito das redes sociais. A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, quixo poñer en valor “que agora sexa a Asociación de Comercio de Camariñas quen dea un paso ao fronte para poder xestionar MerCamariñas e continuar a exitosa experiencia que para elas e eles supón ter un escaparate en liña”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “este proxecto nacera dunha necesidade, como o era un contexto sanitario adverso, e agora que a tendencia parece que será a normalidade, que exista unha Asociación de Comercio de Camariñas é, sen dúbida, unha das grandes novas do ano”.

CAMPAÑA DE NADAL. De cara a incentivar as compras no mercado de proximidade neste Nadal, o Concello de Camariñas e os comercios agrupados na plataforma MerCamariñas impulsaron a campaña Merca e gaña en Camariñas con máis de 9.000 euros a repartir entre a clientela dos establecementos participantes.

As persoas que realizaron as súas compras este mes (ata o día 31) nos comercios adheridos a dita iniciativa recibiron un “rasca” con premios seguros de ata 10 euros de descontos na seguinte compra, que poderá ser incluso de balde por un importe máximo de trinta euros.

O abano de posibilidades de compras é moi amplo, desde tendas de calzado, téxtil e complementos, deportes, librarías, florerías, farmacias, tendas de electrodomésticos ou mesmo de doces.

OCIO. Co fin de apoiar tamén outros sectores, o Concello de Camariñas decidiu ampliar o horario de apertura dos establecementos de restauración, ocio e entretemento dúas horas máis os días 31 de decembro e o 1 e o 6 de xaneiro de 2023.

Os locais deben dispoñer de licenza municipal de apertura ou de Declaración Responsable para o inicio da actividade. A alcaldesa, Sandra Insua, lembra que “este sector foi un dos máis castigados durante a pandemia".

31 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.