Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Debates científicos no dolmen de Dombate sobre a protección do ceo

Celebraranse os días 14 e 15 de xullo e centraranse na contaminación luminosa // A Costa da Morte oficializará nas xornadas a súa candidatura a destino Starligh

O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate, de Cabana, será escenario un ano máis das Aulas Científicas promovidas pola Deputación da Coruña. O xoves e o venres, días 14 e 15 de xullo, acollerá A protección do ceo nocturno: Fundación Starlight e contaminación luminosa, a quinta edición destas xornadas.

Nesta ocasión centrarase na contaminación luminosa do ceo nocturno e servirá tamén para escenificar a presentación da candidatura do Xeodestino Costa da Morte para a obtención da catalogación como destino Starlight.

Antonia M. Varela, directora xerente da Fundación Starlight e enxeñeira senior do Instituto Astrofísico de Canarias, impartirá o xoves a palestra Preservación do ceo nocturno e desenvolvemento sostible local (19.15 horas). Unha hora máis tarde, será quenda para a ponencia Destinos Starlight. A paisaxe no ceo, a cargo do astrofotógrafo Óscar Blanco, socio fundador da Asociación Astronómica Io e director do Centro Astronómico de Trevinca.

A continuación terá lugar unha mesa redonda sobre Desenvolvemento asociado ás certificacións Starlights, moderada polo catedrático e director das aulas, o baiés Jorge Mira. Nela coincidirán por vez primeira representantes dos tres Destinos Starlight de Galicia: Trevinca, a través de Juan Anta Rodríguez, alcalde da Veiga; Muras, co seu alcalde, Manuel Requeijo, e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, representado polo seu director, José Antonio Fernández. Completarán o debate José Muíño, alcalde de Cabana, Mónica Rodríguez, presidenta do CMAT, o deputado provincial Xosé Luis Penas, Antonia M. Varela e Óscar Blanco.

A xornada inaugural das aulas despedirase ás 23.00 horas cunha observación astronómica do ceo nocturno desde o chan do centro arqueolóxico de Dombate.

O venres, día 15 de xullo, retomarase a programación ás 19.00 horas coa actividade Contaminación luminosa: a desaparición da noite, impartida por Xabier Pérez, matemático e investigador en contaminación luminosa. Ás 20.00 horas será a quenda para Utilizando a tecnoloxía e luz artificial nocturna para iluminar sen contaminar, con Susana Malón, unha das principais expertas españolas en iluminación nocturna, CEO e directora de Lumínica Ambiental e membro da Xunta de Goberno do Comité Español de Iluminación.

Ás 21.00 horas celebrarase unha nova mesa redonda, moderada tamén por Jorge Mira, na que intervirán Xabier Pérez, Susana Malón e o rexedor cabanés José Muíño.

Desde o goberno local manifestan a súa ledicia por "albergar novamente unhas xornadas que permitirán xerar conciencia sobre a importancia do coidado dos nosos ceos" e celebran "a presenza de grandes personalidades nacionais en Dombate".

11 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.