Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Denuncian no Parlamento Europeo os vertidos ilegais desde a mina de San Finx

Ecoloxistas aseguran que a concesionaria abriu un novo nivel que mantivo desaugado entre 2016 e 2020 sen autorización

A eurodeputada Sira Rego vén de denunciar no Parlamento Europeo a instancias de Ecoloxistas en Acción os vertidos ilegais que se están a producir na mina de San Finx, no concello de Lousame. Dende o citado colectivo aseguran que “se ata o momento era coñecido que a empresa concesionaria, filial de Valoriza Minería e do Grupo Sacyr, viña deitando ao río as augas con metais pesados das catro plantas superiores da mina que desaugan por gravidade, agora sábese que entre 2016 e 2020 bombeou sen autorización as augas contaminadas dunha nova quinta planta que executou a propia Valoriza e que non estaba prevista no proxecto aprobado en 2009”.

Segundo sinalaron a través dun comunicado emitido este xoves, na pregunta parlamentaria a eurodeputada cuestiona ademais que a Comisión Europea “achegara fondos europeos a Valoriza Minería para un proxecto de investigación do programa Horizonte 2020” que tivo á mina de San Finx como lugar de probas.

Apuntan que as probas do denominado proxecto NEXT, “implicaron realizar estudos xeolóxicos” precisamente nesta nova quinta planta, “aberta e desaugada ilegalmente pola mineira, que nin tiña autorización de vertidos nin avaliación de impacto ambiental para a actividade”, afirman ao respecto.

Por todo o exposto anteriormente, a eurodeputada Sira Rego instou á Comisión Europea a investigar se os fondos europeos do mencionado programa foron usados para pagar o salario do director facultativo da mina de San Finx, “que supostamente tería dado as ordes de manter desaugada a quinta planta ata que finalizaron os traballos do proxecto europeo en 2020”, o que implicou “vertidos continuos ao río, 7 quilómetros augas arriba da ría de Noia e do LIC Esteiro do Tambre, na Rede Natura 2000”.

Asemade, desde Ecoloxistas en Acción se demanda á Comisión para que suspenda o proxecto e impoña sancións a Valoriza Minería e demais beneficiarios implicados.

expediente Por outra banda, no documento que difundiron onte, Ecoloxistas en Acción sinala que Augas de Galicia “mantén artificialmente aberto un expediente de autorización de vertido á empresa mineira desde 2016 sen facer nada para impedir a continuidade dos vertidos ou sancionar á concesionaria, a pesar de que o feito de ter desaugado ilegalmente unha nova planta da mina debería implicar unha sanción inmediata”. Por iso, segundo recollen, o citado colectivo vén de notificar esta mesma semana ao organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade “para que non poida alegar posteriormente descoñecemento dos feitos”, concluíron.

23 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.