Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Derrubando barreiras con Íntegro na vila de Carballo

No marco da Semana da Mobilidade, o Concello de Carballo, coa colaboración da Asociación Íntegro, levou a cabo un chequeo á accesibilidade co obxectivo de seguir detectando e eliminando obstáculos, xa que teñen claro que “o mellor xeito de construír unha cidade á medida de todas e todos é pensar nas persoas que teñen máis problemas para moverse”.

As case trinta persoas que participaron no chequeo, guiado polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, puideron comprobar as melloras realizadas. Neste sentido, o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destacou o traballo desenvolvido polo Concello de Carballo, que cualificou coma un exemplo tanto na Costa da Morte coma mesmo a nivel de Galicia.

Este ano realizaron un percorrido pola rúa Río Anllóns ata a Fomento, Praza de Galicia, Igrexa, San Martiño e Río Miño. Na rúa da Igrexa e na zona do San Martiño detectáronse os poucos puntos problemáticos do percorrido. O concelleiro de Mobilidade pediu aos usuarios e usuarias de Íntegro que lle fagan chegar as deficiencias que poidan detectar noutros puntos da vila, e emprazounos para un novo chequeo en 2022.

Do traballo feito, ademais das obras de reurbanización integral en 37 rúas, ou da construción de 18 quilómetros de sendas totalmente accesibles, dende o ano 2018 o Concello carballés acometeu tres proxectos de mellora da accesibilidade urbana mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas. En total realizáronse máis de 300 intervencións en 112 treitos de beirarrúas. Construción de vaos de dúas e tres pendentes, instalación de baldosa podotáctil ou direccional, ampliación de beirarrúas, rebaixas e vaos elevados foron as principais actuacións, cun investimento total que supera os 470.000 euros.

APARCAMENTOS. A Asociación Íntegro aproveitou a Semana da Mobilidade para realizar na contorna do CEIP Fogar unha nova xornada de concienciación sobre o respecto polas prazas de aparcamento reservadas a persoas con mobilidade reducida (PMR). Para iso, ocuparon varios estacionamentos públicos con cadeiras de rodas e algunhas das escusas máis empregadas habitualmente polos condutores, como “non tardo nadiña”, entre outros.

23 sep 2021 / 16:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.