Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Artesanía. Foron seleccionadas vinte memorias presentadas por vinte e cinco mozos e mozas formados nas mellores escolas a nivel estatal // O certame terá lugar do 13 ao 17 de abril // Está dotado con 4.500 € en premios TEXTO J. M. Ramos

Deseñadores de toda España no concurso da Mostra do Encaixe

O Concello de Camariñas vén de facer pública a lista das vinte memorias seleccionadas para participar no XXVIII Concurso de Noveis Deseñadores, que se celebrará do 13 ao 17 de abril de 2022, na XXXI Mostra do Encaixe.

De entre todas as propostas recibidas, o xurado seleccionou as propostas de José Daniel Teriffe, Egoitz Ruíz, Candela Mondelo e Natalia María González, Pablo Buendía e Jacobo Martí, Uxía Rodríguez, Andrea Piñeiro, Josu Santos, Álvaro Castillo, Enrique Sánchez, Nahomi Jiménez e Raquel Marina Blanco, Enrique Llera, Cantia Aparicio, Joaquín Ruíz, Vanessa Parente e Beatriz Chan, Sofía Sánchez, Llucía Miravalles, Alicia Rocamora, Orlinda Armandina Anchundia e Luigi Maldera, Bimba González e a de Pablo González.

A procedencia dos noveis deseñadores é moi diversa, xa que virán desde Asturias, Alicante, Guipúscoa, Pontevedra, Zaragoza, A Coruña, Cantabria, Zaragoza, Murcia ou Madrid. Todos eles formáronse nas mellores escolas de moda a nivel estatal. Desde a organización da Mostra do Encaixe queren “parabenizar a todas e todos os integrantes desta selección final, algúns e algunhas xa vellas e vellos coñecidos deste evento, e que contribúen co seu esforzo a superar un nivel xa de por si alto nos concursos anteriores”, comentan. “O xurado vaino ter moi complicado outro ano máis”, admiten.

O principal obxecto deste concurso é fomentar e promocionar a aplicación do encaixe de Camariñas na moda, concedéndose mediante a valoración do xurado oficial tres premios ás mellores coleccións, ademais dun premio especial do público. O primeiro estará dotado con 2.100 euros, o segundo con 1.200 € e tanto o terceiro como o do público terán unha dotación económica de 600 euros cada un.

Os catros deseños de cada unha das coleccións seleccionadas teñen que ter aplicado puntillas de Camariñas e non serán aceptados os que presenten outro material. O tema e a modalidade son libres tanto para moda masculina como feminina, e tan só quedan excluídos os deseños de moda infantil, segundo se contempla nas bases do certame, que acada xa a vinte e oito edición.

O concurso estaba aberto a todos os noveis deseñadores con independencia da súa nacionalidade ou país de residencia, sempre que sexan alumnas e alumnos que estean cursando estudos nos centros que imparten ensinanzas de deseño e técnicas de confección, teñan ou non os seus estudos rematados. Tamén podían participar todas aquelas persoas vencelladas ao mundo do deseño que, aínda sendo profesionais no campo da moda, non formen parte dun equipo de deseño.

Hai que lembrar que no último certame, celebrado no mes de outubro, coincidindo coa XXX Mostra do Encaixe, a gañadora foi Anna García Viu, que conquistou ao xurado coa súa colección The Beatiful Brut. Rocío Molina López e Alba Cobos Ropero, fixéronse co segundo galardón coa creación Enxebre II e Rebeca Mercado Alfaro levouse o terceiro coa súa proposta bautizada como Déjama Encajar. O premio especial do público foi para Alba Otero con Carrera de Indias.

Nesta última edición optaron aos galardóns un total de vinte e catro mozas e mozos de quince escolas, procedentes de diferentes puntos de Galicia, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante, Madrid e tamén de Portugal.

Cada ano, as propostas destes creadores noveis comparten protagonismo na pasarela da Mostra do Encaixe de Camariñas coas coleccións dos grandes deseñadores, que están a converter as puntillas en grandes protagonistas da moda.

17 dic 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.