Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Deteñen a un mozo como presunto autor dun lume en A Pobra

Foi clave a testemuña dunha persoa que viu fuxir un vehículo do lugar para dar co acusado

Axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela esclareceron un incendio forestal rexistrado no Concello da Pobra do Caramiñal, en colaboración coa Policía Nacional de Ribeira, a Garda Civil de Boiro, axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e persoal do distrito forestal IV Barbanza.

Segundo informaron este martes dende o Goberno autonómico, axentes do grupo de investigación de incendios da Policía Autonómica de Santiago de Compostela procederon á detención dun varón de 21 anos como presunto autor dun incendio intencionado que se produciu o pasado 9 de outubro na parroquia de Posmarcos e no que arderon novecentos metros cadrados de superficie arborada.

Asemade, dende o corpo apuntaron que o detido recoñeceu os feitos e mesmo aportou aos axentes o chisqueiro co que presuntamente se iniciou o lume.

Na investigación dos feitos foi clave a colaboración dunha testemuña que viu fuxir de forma apresurada un vehículo no lugar no que comezou o incendio e que deu aviso ao teléfono de emerxencias, o que permitiu mobilizar axiña aos equipos de extinción evitando que o lume se propagase e acadase maiores dimensións.

Por todo, as pescudas policiais establecen que o lume foi intencionado, tal e como se recolle nas dilixencias dos feitos que foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribeira.

Na actual campaña antiincendios deste ano, trinta e dúas persoas foron investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.

A UIFO. Esta Unidade está formada por veteranos axentes forestais que a Consellería do Medio Rural liberou das tarefas de extinción para que se centren especificamente e con maior intensidade na investigación dos lumes.

19 oct 2021 / 20:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.