Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O Goberno galego dispón dun operativo de prevención e extinción de incendios nestas bisbarras conformado por 150 efectivos // A contorna do interior da zona norte da provincia é das de maior risco e incidencia máis elavada TEXTO C. Estévez

Deza e Tabeirós prepáranse para plantarlle cara ao lume

A Xunta de Galicia dispón este verán dun operativo de prevención e extinción de lumes forestais nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes conformado por máis de 150 efectivos distribuídos en 19 brigadas e 14 motobombas.

Este dispositivo, que foi posto en marcha o pasado mes de xullo ante a chegada da época de alto risco de incendios, foi visitado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, xunto ao alcalde da Estrada, José López, na base comarcal do servizo na parroquia estradense de Codeseda.

O representante autonómico destacou a amplitude de efectivos e medios materiais e a calidade dos recursos que se empregan neste servizo nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes. Explicou que o interior da zona norte da provincia é unha das máis prexudicadas polos incendios “e por iso estamos plenamente volcados en dispor dun operativo de primeiro nivel, algo habitual en todo caso en toda Galicia como se puido comprobar recentemente cando ofrecemos a nosa axuda para colaborar no gran lume que houbo en Ávila”, sinalou ao respecto.

O operativo deste verán para a zona conta con 13 brigadas autonómicas e outras seis conformadas a través de convenios cos concellos interesados. Entre estas figuran dúas nos municipios da Estrada e Cerdedo-Cotobade e unha en Lalín e Forcarei. Ademais, tamén se dispón de 14 motobombas, seis xestionadas pola Xunta e outras oito en colaboración cos concellos, das que catro operan principalmente na bisbarra de Deza e outras tantas na de Tabeirós-Terra de Montes, aínda que o servizo é transversal para toda a zona se fose necesario pola magnitude dalgún lume. Así, entre o persoal das brigadas e os condutores dos vehículos están en funcionamento máis de 150 efectivos, aos que hai que engadir o centro de coordinación do distrito forestal, os dous postos de vixilancia nos cumios da Serra do Candán e do Couto de San Sebastián e a base de helicópteros de Silleda.

A isto, súmanse outros efectivos técnicos e forestais e as posibilidades que ofrece a rede permanente de infraestruturas, centrada nos puntos de recollida de auga.

SABUCEDO. Por certo que este venres a Xunta procedeu a rozar unha extensión aproximada de 100 hectáreas, a petición da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, en terreos desta parroquia estradense, coa fin de favorecer a produción de alimento para o gando cabalar.

A roza fíxose no marco do plan de pastos que está a desenvolver en varias fases a Consellería do Medio Rural en diferentes concellos galegos e que prevé, no seu conxunto, actuar nunhas 2.250 hectáreas cun investimento total de arredor de nove millóns e medio de euros.

Nesta visita, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, salientou tamén que se atendeu a solicitude da asociación en coherencia coas medidas de salvagarda do benestar animal, xa que as condicións meteorolóxicas do pasado inverno foron especialmente adversas á hora de facilitar alimento para os cabalos no monte. Deste xeito, prevese que a roza levada agora a cabo en Sabucedo facilite a existencia de pasteiros na vindeira primavera.

O PROTAGONISTA
“Protexer as vidas e as vivendas”
Luis López
Delegado territorial da Xunta en Pontevedra

“Dende a Xunta de Galicia investimos unha cantidade moi importante, como cada ano, en prevención e extinción de lumes forestais, pero cremos que é máis que necesario para protexer as vidas e as vivendas dos veciños, as infraestruturas de todos e os nosos valiosos montes e natureza”, sinalou o representante autonómico. “Esta contorna do interior da zona norte da provincia, xunto coas comarcas sureñas do Condado e A Paradanta, son as máis sensibles, as de maior risco e as de incidencia máis elevada”, dixo.

{ A OLLADA }
Cuestión de prioridades
C. Estévez

A LOITA CONTRA O LUME é un dos principais obxectivos da Xunta cando se achegan os meses de calor, época na que o risco de incendios é maior. A preocupación por esta lacra que verán tras verán afecta aos nosos montes é tal que incluso para o vindeiro ano haberá unha nova lei contra os incendios forestais. O primeiro obxectivo desta lexislación será adaptar o marco normativo a unha realidade cambiante, con especial atención na xestión das zonas de conexión entre o monte e as zonas urbanas, buscando solucións ao exceso de combustible e poñendo medidas para evitar a propagación dos lumes que causan máis danos forestais e persoais. Apostará tamén pola profesionalización e a información. Todo progreso é benvido.

21 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.