Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Pertencen ás confrarías de Rianxo e Carril // A campaña acaba o trinta de outubro // Están autorizados 37 tripulantes // A cota máxima permitida de capturas será de 5.176 quilos // A única arte que se pode utilizar é a nasa-voitirón TEXTO Manuel Boo

Dezaoito barcos pescarán anguía no Ulla a partir do un de febreiro

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou este venres no DOG a resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla durante a próxima tempada, que este ano se estenderá desde o 1 de febreiro ata o 31 de outubro.

O tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outras especies que entren nas nasas. Ao igual que o ano pasado, a cota máxima autorizada de capturas será de 5.176 quilos para o total de embarcacións.

Ademais, a única arte empregada para pescar anguía na desembocadura do río Ulla será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla mínimo de catorce milímetros e un límite de dez artes por tripulante.

As nasas deberán ser levantadas e revisadas a diario e o horario autorizado para a actividade estenderase das doce da mañá do luns ata a mesma hora do sábado.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos.

No caso concreto do Ulla, o plan para 2022 fixa tres zonas autorizadas: o tramo comprendido entre a ponte de Catoira e a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro, no concello de Rianxo, con Punta Grandoiro, na zona de Bamio, dentro do termo municipal de Vilagarcía; o que vai da liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro ata a liña imaxinaria que une Praia Longa, na entrada de Carril, con Punta Seveira, na parroquia rianxeira de Santa María de Leiro; e a parte do río comprendida entre a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira e a liña imaxinaria que une Punta Seveira con Punta Rebordexo e a súa continuación, ata o faro do dique de Carril, excluída a illa de Cortegada.

A partir do un de febreiro, autorízase a faenar nestas zonas a un total de 18 embarcacións e 37 tripulantes das confrarías Santiago Apóstol, de Carril, e Virxe do Carme, de Rianxo, polo que se mantén o esforzo pesqueiro da tempada anterior.

Ambas deberán remitir cada mes á Xunta os datos de extracción por especie e día traballado e os xustificantes da súa venda en lonxa, o único medio permitido para poder comercializar as capturas.

A desembocadura do río Ulla, que está agora mesmo en plena campaña de lamprea cunhas capturas escasas, sempre foi un referente na pesca da anguía entre os municipios de Rianxo e Vilagarcía de Arousa.

De feito, no municipio de Valga organizan todos os veráns dende o ano 1989 unha festa dedicada a este peixe coa que se pretende amosar as distintas posibilidades culinarias que esta especie pode ofrecer. Ano a ano incorporáronse novas formas de preparalo, e así na última edición os milleiros de visitantes puderon degustalo en empanada, frito, guisado con patacas, rebozado, en escabeche ou á Bella Otero (con arroz).

Son moitos os que consideran un manxar á anguía e que están desexando que comece a tempada para poder levala ás súas mesas.

comarcas@elcorreogallego.es

o protagonista
“Dedícanse a esa especie 7 embarcacións rianxeiras”
Miguel Ángel Iglesias
Patrón maior de Rianxo

O patrón maior da confraría de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, sinala que “a pesca da anguía ten escaso interese no noso concello, pero, con todo, actualmente son sete as embarcacións locais que se dedican á captura desa especie”. Iglesias engade que boa parte delas van vender directamente as anguías á lonxa vilagarcía de Carril, “onde está máis focalizada a demanda”. O patrón maior explica que en Rianxo non existe neste momento demanda de permisos para pescar anguía.

{ contra vento e marea }
O coidado dos recursos
Manuel Boo

o rio ulla é un dos máis ricos de Galicia. Ofrece moitísimas pobilidades. Desde o salmón que chega ata A Estrada, ata a lamprea con Pontecesures e Herbón como referentes, e sen esquecerse da anguía que nada entre Rianxo e Carril. É un río con recursos ós que hai que engadir a troita, o reo, a zamborca ou o escalo. Toda esa riqueza hai que coidala e vixiala porque todo ese despregamento de vida tamén está a ser ameazado polo peor dos depredadores: o home. Entre a contaminación en forma de verteduras e as especies invasoras imos matar a natureza da que despois tanto presumimos. Cada ano hai menos anguías, e menos lampreas, e menos troitas... E ninguén busca solucións para recuperar un dos ríos máis ricos.

15 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.