Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Diáspora latinoamericana con acento galego na Maía

Quince mulleres de Venezuela, Cuba, Colombia, Puerto Rico, Elche e Santo Domingo mergullaronse no idioma durante cinco semanas // Tamén aprenderon xeografía

O Concello de Ames vén de clausurar o obradoiro En galego co teu acento, organizado pola concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Oficina de Atención ao Migrante, no que participaron quince mulleres de seis nacionalidades. Orballo, aperta, bolboreta, tartaruga, folerpa, ovo e agarimo son algunhas das verbas galegas que salientan como “preferidas” as alumnas do taller amesán.

Así, e despois das cinco semanas que durou o curso, Marbelys, Desireth, Nohely, Carmen, Yanira, Susana, Judith e María Eugenia, que naceron en Venezuela; Kailza, Celia, Josslyn e Tania en Cuba; Jimena en Colombia; Vanesa en Elche; Pilar en Puerto Rico e Raysa en Santo Domingo son capaces de expresarse en galego sen medo a facer o ridículo. O “xe” xa non é un atranco, de tal xeito que Kailza di que a súa verba favorita é “Sanxenxo”, e falar galego na casa converteuse nunha festa: “encántame falar co meu fillo en galego”, comenta Josslyn.

No que atinxe á docencia desta iniciativa, este ano impartiuna a colaboradora do Servizo de Normalización Lingüística, Antía Rei Martiz, para que as estudantes adquirisen léxico e nocións básicas de gramática, ao tempo que puideron aprender versos e cancións e familiarizarse cos nomes dos pobos, das artistas e dos pratos que fan da gastronomía galega unha das máis prezadas do mundo. Tamén acadaron nocións de xeografía e coñeceron polo miúdo o concello no que viven e todo o que lles ofrece.

“Non teñades vergoña, falade”, díxolles a concelleira de Normalización Lingüística na clausura do obradoiro. Escarlata Pampín expresou logo o desexo de que após participar no curso “esperaba que se sentisen un pouco máis galegas”. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, saudounas ese día cun claro “Falo en galego porque sei que agora me entendedes mellor” e despois manifestou a seguridade de que “será un pracer escoitar o noso idioma coa música dos vosos”, aportaba.

E así foi porque, na clausura do obradoiro, até a máis tímida das mulleres que este ano conformaron ese abano de novas falantes manifestou o que sentía despois das cinco semanas de clase no idioma de Castelao. “Pasámolo moi ben”, “Estamos tristes porque remata”, “Foi doado aprender para comprender”, “Agora sei moitas máis verbas”, “Gústame falar galego”... foron expresando cada unha delas. Todas, sen excepción, gabaron o labor de Antía Rei, a súa profesora durante estas semanas, e aplaudiron a palma batida a interpretación de Lela que fixo a cantante venezolana e alumna do obradoiro, Nohely Escobar, como despedida do curso.

O obradoiro durou 30 horas, repartidas en 15 sesións de 120 minutos, e para obter o certificado de asistencia só se podía faltar o 10 % das sesións. Segundo manifestaba no seu día a edil de Normalización, Escarlata Pampín, “a idea da actividade é que as persoas asistentes se acheguen á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades coas que se busca a toma de contacto coa lingua”, suliñaba antes de que dera comezo.

06 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.