Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Raz SurfCamp, en Razo, no munipio de Carballo, é unha das empresas que se beneficiou do programa Galicia Exporta Dixital da Xunta // O obxectivo desta iniciativa é lograr captar novos clientes máis alá das fronteiras galegas TEXTO C. Estévez

Dixitalización: a fórmula do mundo actual para expandirse

Co programa Galicia Exporta Dixital a Xunta de Galicia quere axudar ás pemes e autónomos galegos na súa expansión internacional a través das novas canles de comercialización dixital. Precisamente este venres o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, quixo salientar o apoio que presta dita iniciativa ás pemes galegas á hora de captar novos clientes máis alá das nosas fronteiras.

Conde visitou a praia de Razo, en Carballo, e en concreto as instalacións de Raz SurfCamp que, grazas a esta liña de axudas do Goberno galego, puido reforzar o seu posicionamento web para abrirse ao mercado internacional. “Unha pequena empresa que sabe que a través das novas tecnoloxías e da internacionalización pode medrar e consolidar o seu proxecto”, dixo, que xa alcanza países como Francia, Reino Unido ou Italia, “facendo de Razo, Carballo e Galicia un referente no mundo do surf”, engadiu. Nas edicións xa celebradas deste programa do Igape, son 12,4 millóns de euros os que leva destinado a apoiar 357 proxectos de firmas como Raz SurfCamp.

Na provincia da Coruña beneficiáronse desta liña de axudas 119 pemes e autónomos cun investimento que ascende a 4,2 millóns de euros. E, concretamente, no concello de Carballo son dúas as empresas que se acolleron a estes apoios por valor de máis de 40.000 euros en total.

Ademais de Raz SurfCamp, tamén se beneficiou das mencionadas axudas Cafés Lúa para introducirse no mercado portugués.

Conde afirmou que as pemes e autónomos galegos son cada vez máis conscientes do potencial que teñen as novas tecnoloxías e o comercio online para poder abrirse mercado noutros países. E puxo como proba os datos de exportacións, posto que Galicia segue en cifras récord con 10.372 millóns de euros, un 22,6 % máis que no mesmo período de 2021. Un 37 % das empresas galegas e case o 50 % das exportacións realízanse dende a provincia da Coruña, con 2.051 empresas exportadoras no que vai de ano e 5.730 millóns de euros en vendas ao exterior, un 56,6 % máis que ata maio de 2021.

A convocatoria deste ano 2022 pechaba o prazo no mes de maio tras recibir solicitudes de 240 pemes e autónomos galegos para impulsar plans de internacionalización en máis de oitenta países. Unha clara mostra da aceptación deste programa na Comunidade.

Os apoios da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría, como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou a cobertura de gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén permite adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada, así como de inbound márquetin ou mesmo crear e adaptar tendas online.

Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos.

O PROTAGONISTA
“Visión no eido económico”
Francisco Conde
Vicepresidente primeiro e Conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Francisco Conde destacou que Raz SurfCamp é unha actividade pioneira en Galicia, en España e a nivel internacional dende 1991. “Está impulsando o surf como unha actividade económica pero que tamén, ao mesmo tempo, permite desenvolver iniciativas pensando nos máis novos e en todos os que se queren iniciar no surf”, apuntou o vicepresidente primeiro.

O máis relevante seguramente de Raz SurfCamp, según dixo Conde, “é a súa iniciativa, e non só dende o punto de vista da actividade deportiva, senón a súa visión no eido económico, intentado traballar no ámbito nacional e internacional”.

É unha pequena empresa “que sabe que a través das novas tecnoloxías se pode medrar e pode consolidar o seu proxecto económico. Merece todo o recoñecemento e todo o apoio para seguir impulsando esta actividade”, sentenciou Conde.

{ A OLLADA }
Adaptarse ou morrer
Claudina Estévez

se algo é certo é que no mundo actual calquera profesión se adapta ou morre. Así de claro; non hai medias tintas. A sociedade evoluciona demasiado rápido e, se te quedas atrás, estás obsoleto. É por iso que é fundamental que calquera empresa se sumerxa no mundo online se pretende ampliar clientela. E falamos de aumentala a nivel internacional, pero tamén a nivel comarcal, posto que hoxe en día non hai mellor forma de darse a coñecer que estar presente en Internet. Ter un bo posicionamento web, como é o caso desta empresa de surf, é vital para que te atopen nunha búsqueda rápida. Son realmente importantes axudas deste tipo e é fundamental que os empresarios sexan conscientes da necesidade de reinventarse.

06 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.