Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O 10 de maio iníciase a séptima campaña de excavación do castro // Levarana a cabo catro profesionais e cinco estudantes da USC //A finalidade nesta ocasión é facilitar o acceso á porta orixinal de entrada ou acceso ao recinto TEXTO Sol Elvira

Doade: a memoria arqueolóxica de poboadores de hai 25 séculos

É un dos recintos castrexos mellor documentados da Galicia interior, sobre todo grazas ao tesón dos responsables do Museo Etnográfico Casa do Patrón, que co apoio de Patrimonio e da USC, promoveu xa seis campañas que permitiron datar e coñecer en detalle aos seus moradores. É o castro de Doade, un continuo manantial de memoria arqueolóxica de poboadores de hai 25 séculos.

O castro de Doade volve á actualidade porque a partir do vindeiro 10 de maio vaise executar a 7.ª expedición arqueolóxica do castro de Doade, consistente na escavación dunha cata de gran tamaño, cuns 180 metros cadrados (20 X 16 X 10 m), e co obxectivo de darlle continuidade aos lenzos externo e interno da muralla, facilitando a busca da porta orixinal de entrada ou acceso ao recinto castrexo, descubrindo o seu nivel de utilización, consolidando na medida do posible as estruturas defensivas localizadas e restaurando os restos arqueolóxicos atopados, segundo explica o director da Casa do Patrón e principal promotor, Manuel Blanco Villar. De novo completarán a campaña mediante a súa difusión turística, mediante visitas guiadas, coincidindo co período da escavación.

A fase da mesma terá unha duración de tres semanas (15 días hábiles) e será executada por catro arqueólogos profesionais e cinco estudantes de doutorado da USC. Posteriormente, levarase a cabo a consolidación e restauración dos achados, durante 11 días por dúas restauradoras profesionais.

“Con esta campaña trataremos de completar o máximo posible o importante estudo deste xacemento, que vimos realizando nos últimos seis anos. Trátase dun dos catros mellor documentado da Galicia interior, divulgado a través das correspondentes memorias arqueolóxicas, dos milleiros de visitas guiadas ou por libre, así como a edición de dous libros: O segredo do castro de Doade e O castro de Doade, unha fortaleza da Idade de Ferro no corazón do Deza”, explica Blanco, para engadir que ademais “constitúe unha paraxe de enorme riqueza paisaxística, unha verdadeira terraza natural sobre o val do Asneiro”.

HISTORIA As diversas actuacións arqueolóxicas realizadas no castro de Doade permitiron aos arqueólogos concluír que a súa construción se levou a cabo mediante a acumulación de milleiros de cestos e sacos de terra arredor dunha rocha central durante centos de anos, formando un promontorio sobre o que logo asentaron o poboado castrexo, que contou con tres ou catro fases de ocupación, que abranguen dende o século V a. de C. ata o século IV d. de C. O recinto estaba fortemente protexido por unha gran muralla mixta duns 6,5 metros de ancho, cunha porta de entrada, rodeada por cinco fosos no antecastro escavados na rocha nai, tres dos cales xa foron baleirados: un dobre foso pegado a súa cara exterior, un segundo, a uns 25 metros de distancia, e un terceiro de grandes proporcións (ocho metros de ancho, por 5,30 m de fondura), situado a 40 m do lenzo exterior da muralla.

Blanco lembra que tamén na parroquia de Doade se executaron, nos últimos dous anos, a prospección, catalogación, limpeza e sinalización de sete mámoas, así como de varios petróglifos existentes nas rochas. A totalidade destes elementos prehistóricos, así como a réplica do Santo da Pedra e dous miradoiros que gozan dunhas espléndidas vistas panorámicas sobre o Val do Deza, quedaron unidos entre si pola Ruta da Prehistoria de Doade, un sendeiro cultural ben sinalizado duns ocho quilómetros de percorrido.

04 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.