Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dous estudantes de Xallas e Baio buscan respostas ós problemas dos adolescentes

Nicolás Pazos e Jimena Moreno xuntarán este venres a vinte mozos para poñer sobre a mesa as súas inquedanzas // Estarán asesorados por unha psicóloga

Jimena Moreno, de Baio (Zas), e Nicolás Pazos, de Santa Comba, son dous amigos que, froito das conversas e das súas propias preocupacións, decidiron dar un paso á fronte para tentar de facilitar a outros mozos e mozas a resolución “de dúbidas que nos gustaría que nos tivesen resolto a nós no proceso de transición da infancia á adolescencia”, afirman.

Ambos cursan primeiro de Bacharelato nos institutos Maximino Romero de Lema, de Baio, e Terra de Xallas, de Santa Comba, respectivamente, e o primeiro paso do seu proxecto foi convocar a unha mesa redonda a vinte compañeiros de estudos co fin de compartir inquedanzas é, á vez, darlle respostas. Para iso recabaron o apoio da psicóloga Anabel Lema, da clínica Gaudia, que asesorará a todos os participantes. A cita será este venres pola tarde no centro sociocultural de Baio.

O obxectivo, afirman, “é formar aos adolescentes e dotalos de coñecementos necesarios para dar resposta a situacións que se nos presentan no noso día a día e así poder tomar as decisións máis axeitadas e determinantes de cara ao noso futuro”.

Son moitas e variadas as temáticas que porán sobre a mesa. Entre elas a frustración ante uns malos resultados académicos, problemas de índole afectiva ao non sentirse integrado dentro dun determinado grupo, o bulling, as relacións no ámbito familiar, o acoso e a adición ás redes sociais, o consumo de sustancia (legais e ilegais), as saídas nocturnas, o ámbito da parella ou os abusos sexuais.

Aínda que moitos destes asuntos son abordados tamén nó ámbito educativo, Nicolás considera que “a maneira en que se fai quizais non sexa a máis efectiva, pois unha charla para un grupo de sesenta estudantes non ten o mesmo efecto que un coloquio entre 15 ou 20 mozos compartindo experiencias”.

Jimena di que non é tanto un problema de falta de información nin de apoio nos institutos. O que sentimos, engade, é que “non se lle dá a importancia que se debe aos problemas reais que nós temos” e cita como exemplos a ansiedade que sofren os adolescentes e os problemas derivados de ter que asumir certas frustracións. “Todo o mundo ten idealizada unha imaxes de adolescente vacío e esto non é así”, afirma.

Asegura que “a nosa única preocupación non son os estudos. É unha parte moi importante da nosa vida porque vai definir o noso futuro", pero pregúntase “é máis importante ca nós ou que a nosa situación mental?”.

Jimena e Nicolás teñen claro que unha das claves para afrontar con éxito a etapa adolescente “é a autoestima, a percepción que temos de nós e do capaces que nos vemos para afrontar os problemas, algo que ninguén che ensina chegado o momento”.

16 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.