Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Dous mil escolares galegos achéganse á naútica cada ano coa escola Cataventos

No verán impartiron campamentos de vela na ría de Corcubión // Durante o curso desenvolven un programa con centros educativos

A directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitaron esta semana en Corcubión as instalacións da Escola de Vela Cataventos para achegarse ao seu labor na promoción da náutica e os deportes marítimos entre as mozas e mozos da comarca da Costa da Morte.

Este centro achega anualmente as súas actividades a arredor de 2.000 escolares galegos. As dúas representantes da Xunta asistiron ás prácticas dos campamentos de vela que a escola vén realizando ao longo de todo o verán con grupos de 26 rapazas e rapaces por quenda e de a partir de oito anos de idade.

Neste contexto, enxalzaron a importancia da chamada Educación Azul, que supón a introdución do coñecemento global do mar no ámbito teórico e práctico da educación da mocidade galega. Deste xeito “contribúese á posta en valor do carácter litoral da nosa comunidade e á remuda xeracional no mar”, afirman.

Por este motivo, o obxectivo do Executivo galego é favorecer que este modelo sexa replicado no máximo número de portos autonómicos posible.

A escola de vela Cataventos, que tamén xestiona o porto deportivo de Muxía, desenvolve desde hai 18 anos diversas actividades de formación náutica na comarca da Costa da Morte. Entre elas, ademais de campamentos e actividades temporais, destaca o programa O Mar na Escola, que se realiza ao longo do curso escolar en coordinación cos centros educativos e que na edición de 2022 contou coa participación de 13 centros educativos da comarca.

O referido programa consta de sesión teóricas nas aulas e saídas ao mar. A formación na escola ten como obxectivos familiarizar aos alumnos co mundo mariño a través de actividades formativas sobre a vida no mar; o seu coidado e conservación; a acuicultura e a súa convivencia coa pesca para a sustentabilidade e a conservación dos ecosistemas naturais. ademais do seu aporte á economía.

Noemí Bermúdez, coordinadora da escola Cataventos, asegura que “a observación do entorno antes de saír a navegar axúdalles a entender as mareas, as correntes mariñas e o vento, así como os elementos de medición”.

Nas sesións de mar, os nenos e nenas participantes no Mar na Escola utilizan kayaks e embarcacións de vela lixeira. “No barco aprenden a importancia do traballo en equipo e teñen a oportunidade de practicar manobras nos distintos postos de abordo: timón, foque, mayor...”, afirma.

05 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.