Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Usuarias dos talleres de memoria da Cruz Vermella protagonizan unha colección de carteis nos que posan aludindo aos seus oficios // Vinte e catro poetisas poñen versos sobre as fotos realizadas por José María Vidal e seu pai, Plácido TEXTO S. Souto

Dúas olladas en Boiro á alma da muller galega traballadora

As mulleres son as protagonistas estes días en Boiro de dúas iniciativas artísticas que poñen en valor os oficios e as profesións que desempeñaron quenes lle poñen cara. Trátase de dúas olladas en clave feminina.

Por unha banda, o centro social de Cabo de Cruz acolle ata o vindeiro mércores día 27 a mostra titulada Nós somos elas, que editou a Deputación Provincial da Coruña a través do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes coa intención de difundir a colección creada pola asociación Alexandre Bóveda.

A exposición pon o foco nun grupo de mulleres retratadas nos seus ámbitos privados e laborais, co obxectivo de dar visibilidade ao seu papel mediante os 25 paneis que a compoñen e nos que se relatan o seu pasado e o seu presente.

O arquivo está composto por máis de sesenta e sete mil imaxes, realizadas dende finais do século dezanove ata finais do vinte por José María Vidal e seu pai, Plácido, retratistas da vida cotiá de Laxe.

As fotos están acompañadas polas palabras das poetisas galegas Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Porto Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño.

Na apertura desta mostra participaron o alcalde boirense, José Ramón Romero, e a concelleira de Feminismo e Igualdade, Dores Torrado, e entre o público asistente atopábanse un grupo de usuarias e usuarios dos talleres de memoria que organiza a Cruz Vermella de Boiro. Romero e Torrado quixeron aproveitar para entregarlles un agasallo institucional. E algunhas das mulleres dese grupo son precisamente as protagonistas doutra iniciativa de carácter fotográfico en clave feminina. E é que en numerosas instalacións municipais do concello poden verse os carteis que integran a mostra Coidadoras e referentes, organizada pola Cruz Vermella e polo Concello como unha das actividades para conmemorar este ano o Día Internacional da Muller.

Algunhas das protagonistas deses artísticos carteis son, por exemplo, Mercedes Silva Saborido, retratada cun caldeiro no brazo e representada como a mariscadora que foi, ademais de empregada do fogar; Blanca Otero Sampedro, que traballou de vendedora de peixe e nunha conserveira e que tamén foi bateeira; ou Josefa Calo Calo, que traballou tamén nunha fábrica de conservas.

‘NÓS TAMÉN XOGAMOS’. E non son estas as únicas iniciativas levadas a cabo este ano en Boiro que teñen ás mulleres por protagonistas. Tamén no marco das actividades para conmemorar o 8-M presentouse o proxecto Nós tamén xogamos, un traballo audiovisual sobre as mulleres boirenses relacionadas co deporte, no que participaron Andrea Domínguez, de baloncesto; Sabela Redondo, de canicross; Noelia Vilarnovo, de natación; Natalia Vázquez e Violeta Bustelo, de taekwondo; Sandra Triñanes, de piragüismo; Antía Casal, de ciclismo; Elena Matalobos, de atletismo; Mila Fernández, Eva Regueira, Alba Lojo e Ángeles Suárez, de fútbol; Marta Blanco, de volei; e Laura Davila e Vanessa Barcala, de remo.

TRADICIÓN E BAILE. Estas accións véñense sumar a outras que tiveron moito éxito o ano pasado, como a exposición Muller, tradición e baile en Boiro, sobre a figura da muller no baile tradicional, con 25 fotos das asociacións Xilbarbeira, Pedra de Aroña, Abeloura, Nunca é Tarde e Cen Pliés (que se pudo visitar en todos os centros sociais do municipio); a mostra Senlleiras, sobre as mulleres boirenses represaliadas, realizada pola entidade Unión de Muchachas grazas a un traballo de investigación sobre mulleres senlleiras da contorna que destacaron en diversas facetas: ou a exposición As mulleres da nosa vida, consistente nunha recompilación de fotos e textos realizados conxuntamente polos alumnos dos centros de ensino coa que homenaxearon ás mulleres importantes para o alumnado, coa implicación dos estudantes do CEIP Santa Baia, CEIP Abanqueiro e CEIP Cespón.

17 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.