Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CULTURA. As creadoras e divulgadoras da Efímero experience chegarán o sábado ó albergue do Conco // Interactuarán cos participantes a través da pintura, a creación escénica e a realidade virtual // Xacarandaina presentará ‘Endaterra’ TEXTO J. Ramos

Dumbría convida a vivir novas experiencias ao pé do Camiño

O faro de Fisterra, punto final do Camiño de Santiago, foi o inicio dunha viaxe ao revés, do mar á terra, guiada por historias de migrantes. Unha viaxe que forma parte do proxecto xacobeo Efímero experience e a través da cal catro mulleres van creando e vivindo experiencias artísticas, culturais e sociais, todas elas efímeras.

Logo de pasar por Muxía en días pasados, este sábado, día 8 a partir das 16.30 horas, chegarán ao albergue de peregrinos do Conco, en Dumbría. Os que o desexen poden achegarse ata o centro de acollida de camiñantes para compartir coa deseñadora e ilustradora Nina Sefcik o seu proceso de creación artística. Pintará en directo e convidará aos presentes a participar.

Tamén participarán Sara Guerreiro Alfaro, intérprete e creadora escénica, quen convidará a vivir unha experiencia baseada en lembranzas de “todo aquelo que algunha vez nos pertenceu, dos pequenos obxectos-tesouro que nos acompañaron, de tódolos lugares en que vivimos”, porque, afirma, “deixalo todo atrás ao migrar é enfrontarnos ao cambio, ao descoñecido; é apertar aquilo que fomos a través da lembranza”.

Sara Carrasco e Silvia Iglesias, mergulladoras galegas e divulgadoras para a conservación mariña tamén visitarán Dumbría para invitar aos asistentes a mergullarse sen necesidade de mollarse grazas ao emprego de lentes de realidade virtual. Unha tecnoloxía que permitirá aos que se embarquen a descubrir os segredos do medio mariño, entre eles os dos peixes migrantes.

Estreitamente vinculado á ruta xacobea, o espectáculo Endaterra, no que Xacarandaina fusiona distintas artes escénicas, como o baile e a música tradicionais galegas e o teatro, une a cultura tradicional do Camiño Inglés e do Camiño a Fisterra e Muxía, despois de recoller elementos dos dezaoito concellos destes dous itinerarios.

Conta cunha banda sonora única composta en exclusiva para este espectáculo e cunha singular produción audiovisual, creando unha paisaxe sonora e visual a través de imaxes e son naturais do Camiño. Unha produción que é froito dun minucioso traballo de investigación dos bailes de divertimento, danzas, cancións, melodías, traxes e tradicións.

O argumento baséase na peregrinación feita no 1900 por unha aristócrata inglesa e a súa doncela de orixe galega a Santiago de Compostela, con epílogo en Fisterra e Muxía.

A cita é o vindeiro 15 de outubro, a partir das 21.30 horas no pavillón do Conco (Dumbría). As entradas poden reservarse no concello dumbriés e nas casas de cultura municipais, ou tamén chamando ao número 981 744 001.

Paralelamente, as cinco bibliotecas de Dumbría seguen a encher o outono de cultura e ciencia. A música animou a tarde do mércores no espazo de lectura do Conco, ata onde se achegou Paco Nogueiras co seu espectáculo Brinca vai! De aquí a acolá. E este xoves, día 6, a biblioteca de Berdeogas convida a facer un repaso á historia a través da cerámica, da man de Xeitura. A cita é ás 18.00 horas e hai que reservar praza chamando ao 981 744 001.

ROBÓTICA. O vindeiro día 21, á mesma hora, na biblioteca de O Ézaro os nenos e nenas aprenderán nocións básicas de robótica e mesmo poderán levar o seu propio robot para a casa, despois de desfrutar dunha nova sesión de ciencia con Átomos. Tamén hai que reservar praza previamente.

Estas iniciativas lúdico-formativas están promovidas polo Concello de Dumbría e contan coa colaboración co programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

06 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.