Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Eclosión cultural nos centros sociais de Boiro con cincuenta actividades

No auditorio da Cachada haberá representacións todos os venres, ademais da Mostra de Teatro Escolar // Ofrécense clases de pintura, música, costura e baile

A concellería de Cultura de Boiro organizou unha ampla e variada programación de actividades para todos os públicos que se van levar a cabo durante os vindeiros meses no marco do Outono Cultural. A responsable de dito departamento, María Outeiral, e o persoal técnico do mesmo presentaron as propostas, entre as que se inclúen contacontos, espectáculos teatrais e concertos.

As representacións teatrais serán todos os venres no auditorio da casa da cultura e haberá funcións para público infantil e familiar e tamén para público adulto. Ademais, en novembro vaise levar a cabo a Mostra de Teatro Escolar na casa da cultura, coa participación de todos os centros de ensino do municipio.

A oferta cultural engloba tamén máis de 50 actividades que se van desenvolver na rede de centros sociais de Boiro, entre as que hai clases de pintura, de costura, de música, de baile, etc. Destacan tamén as actividades das escolas municipais, como son as clases da Escola de Música, as aulas de formación en novas tecnoloxías que se imparten na aula Cemit, os obradoiros de memoria ou as clases de apoio escolar. “Durante a pandemia aumentamos un 40 % a oferta cultural do municipio, enfocada e orientada a todos os públicos e con capacidades reducidas para garantir que se cumpren as medidas e restricións para o control da situación sanitaria. Unha oferta cultural que o departamento quixo manter e potenciar neste programa do Outono Cultural”, afirmou a concelleira, María Outeiral.

A vindeira cita será venres 15 ás 20.00 horas na casa da cultura co espectáculo O afiador, a cargo do Mago Teto.

Seguirá a programación no mesmo escenario o venres 22 ás 21.00 horas ca obra Bernarda, da compañía Malasombra Producións; o día 29 ás 20.00 horas, Contos de recreo, de Redrum Teatro; o día 5 de novembro, ás 21.00 horas, Rara avis, de Lila Teatro; o venres 12, ás 20.00 horas, A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro; o 19, ás 20.00, O home que pintaba árbores, de Eme2 Emoción&Arte; o día 26, ás 20.00, Güela-güela, de Galitoon; e o venres 3 ás 21.00, A lingua das bolboretas, de Sarabela teatro.

No tocante á Mostra de Teatro Escolar, poranse en escea Ningures, de Teatro ao Cubo (o 16), Tita. Un espectáculo sobre a intelixencia emocional, de Teatro Babaluva (o 17) e Dun can de palleiro, de Lila Teatro (o día 18), nos tres casos a mediodía. E o martes 23, ás oito da tarde, O eco das pedras, de Raquel Queizás.

Rianxo programou once concertos e unha gala musical

Rianxo. Tamén o Concello de Rianxo programou un animado Outono Cultural, con oito espectáculos teatrais, once concertos e unha gala musical en homenaxe a Faustino Rey Romero, o cura e poeta de Isorna, no centenario do seu nacemento. Así, este mes representaranse no auditorio municipal as obras A lingua das bolboretas (venres 15 ás 21.00); Un home con lentes de pasta (o venres 22 ás 21.00) e Bernarda (o sábado 30 ás 20.30); e en novembro, Misión imposible (13); Unha primavera con Aldara (19); O charco de Ulises (25) e Botando a lingua a pastar (27).

No tocante ós concertos, están programados en outubro os de Óscar Vázquez (trombón baixo) e Yamini Teresa (piano) o día 23, e Bernal Muíños Quarteto (jazz) o 29; en novembro, o de música infantil Bravas, o rexurdir da luz (día 6) e os de Víctor Bouzas Quarteto (trompetas) o 12; o IV Memorial Mireia Dieste (20); e o de Alba Franco (arpa) o 26. E en decembro, os de Elsa Muñiz (piano) o 4; Lucía Mata (fagot) e Diego Mata (piano) o 10; e o de música infantil Apalpadoriños, de Nelson Quinteiro Producións, o 11 ás 19.00 na rúa de Abaixo.

Ademais, celebrarase a gala de homenaxe a Faustino Rey Romero o vindeiro sábado 16 ás 20.30 horas no auditorio, organizada pola Irmandade da Música Galega.

Ademais de teatro, os cativos teñen outras actividades, como un espectáculo de animación á lectura, este xoves 14 ás 18.00, no auditorio, con María Faltri e Jorge Juncal.

Haberá tamén presentacións literarias, como as das obras O rosario e a buguina, de Ricardo Losada (este sábado 16 ó mediodía no auditorio); Guía de documentación nos actos funerarios e declamación, de Esperanza Mara (o 31 deste mes no cemiterio de Rianxo ás 17.00); ou a edición facsimilar ilustrada de Escolanía de melros, de Faustino Rey (18 de decembro).

12 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.