Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Festipopeóns. O neno pontecesán Yago Iglesias, de 8 anos, e o seu veciño Manuel Pastoriza, de 76, foron os máis laureados // Omar Púe, excampión mundial, veu de México para amosar a súa mestría e habilidades coas buxainas TEXTO Manuel Lavandeira

Encontro interxeracional para facer bailar peóns polo San Martiño en Ponteceso

O Museo Etnolúdico de Galicia (Melga) converteu nun animado encontro interxeracional o Festival Ponteceso de Buxainas (Festipopeóns), que acadou xa a súa undécima edición.

Nenos, adultos e maiores foron convocados para concursar, retar e desafiar aos seus contrincantes nas catro modalidades do certame de buxainas. A primeira proba consistiu no lanzamento de precisión. Realizadas as consecuentes quendas, e despois dunha rifa final, o vencedor absoluto foi Yago Iglesias, de tan só 8 anos, que acadou 19 puntos. O segundo posto foi para Salva Andrade.

Despois do primeiro asalto concursal, fíxose un parón para ler o Manifesto do Peón 2022. A autoría do mesmo e a lectura correu a cargo do profesor, escritor e coleccionista de buxainas coruñés Luís Ramas, que fixo un breve repaso pola súa historia vital e a súa relación no tempo coas peonzas.

Seguidamente celebrouse o concurso de velocidade. Chegaron á final, o propio pregoeiro Luís Ramas e o neno Gonzalo García. O gato á auga levouno finalmente este último con 5 lanzamentos de buxainas nun tempo de 26,21 segundos. A terceira proba foi a de resistencia, que estivo moi rifada, xa que tiveron que realizarse varias series para dilucidar ao campión, que foi Aaron García, quen mantivo a súa buxaina bailando sobre o chan durante 2 minutos, 28 segundos e 46 décimas.

O cuarto e último reto foi o dos trucos, no que se impuxo tamén Yago Iglesias, acadando o entorchado final con 6 trucos variados.

Como final da xornada de desafíos, a organización propuxo un último torneo, que consistiu en lanzar as súas buxainas ao chan ao mesmo tempo, con intención de bater un novo récord mundial de mantemento do maior número de buxainas bailando ao mesmo tempo, pero non se logrou, polo que se contabilizou a buxaina que máis tempo estivo a bailar sen perder o equilibrio. O premio foi para Manuel Pastoriza un veterano peonceiro de 76 anos de idade, cun tempo de 3 minutos e 25 segundos.

Unha diferenza de 68 anos separa aos dous grandes protagonistas do festival, Manuel Pastoriza e Yago Iglesias, pero as buxainas, fixeron que nenos e maiores puidesen gozar dun xogo ancestral e, ao mesmo tempo, competir nas mesmas condicións, sen excluír a idade ou o sexo. “Así é o xogo tradicional, un valor de inclusión e igualdade”, afirma Ricardo Pérez y Verdes, director do Museo Etnolúdico.

Como dato anecdótico, á nena Marinha Brea, de 7 anos, aprendeu nesta cita a lanzar a buxaina e estivo a piques de gañar algún dos concursos. O broche de ouro ao Festipopeóns chegou coa exhibición e demostración do ex-campión mundial de buxainas de plástico no ano 2009, o mexicano Omar Púe, que coa súa mestría mostrou aos asistentes máis de 25 trucos que deixaron á maioría dos concursantes e espectadores coa “boca aberta”, afirma Pérez y Verdes.

Non faltaron os trucos do ascensor, o paxariño, o helicóptero, a agulla, a palma, a ponte, ao aire, a patada.... Nalgunhas ocasións tivo que realizar varios “bis”, a solicitude do público, “pola dificultade que entrañaba ditas habilidades e querían velo de novo executado, obtendo grandes aplausos e ovacións. Foi un luxo e ao mesmo tempo un pracer que Omar nos dedicase unha sesión práctica e que puidese acompañarnos por estas terras pontecesás, despois do esforzo e insistencia da organización para que estivese entre nós neste día”, subliña o director do Melga. Un espectáculo que foi seguido por medio cento de persoas. Agora toca pensar xa nunha nova edición.

“Unha participación pobre, todo hai que dicilo, pois o evento valía a pena, era un acto único, que en moi poucas ocasións teremos a ocasión de ver un espectáculo desta índole... Seguimos sen entender, e é verdadeiramente desmoralizante e defraudador, o pouco interese que ten este pobo, con todo o que corresponde ao mundo cultural e lúdico. Que pena e que pouca curiosidade existe entre as súas xentes”, afirmou Ricardo Pérez y Verdes. Quen sí se achegou ata o Museo Etnolúdico foi o alcalde Lois García Carballido.

16 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.