Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
PROXECTO. Os 143 alumnos do CEIP Santa María do Castro fan unha investigación transversal sobre a ruta xacobea barbanzá, dende os aspectos económicos ata a astronomía, a música ou a arquitectura // Elaborarán o Códice de Valiño e un recetario // Percorrerán por grupos o treito boirense TEXTO Suso Souto

Escolares de Boiro ‘escanean’ o Camiño

Os 143 alumnos e alumnas de Infantil e Primaria do colexio Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro) veñen de botarse ó Camiño para facer unha peregrinaxe virtual que vai máis alá da contemplación e se adentra no territorio da curiosidade. O seu proxecto chámase Abrindo Camiño e, como a maiúscula indica, xira en torno ó Camiño de Santiago, pero, nomeadamente, ó denominado A Orixe, que é o treito que antigamente pasaba pola comarca do Barbanza e que se basa na tradición xacobea da entrada do Apostólo en Galicia a través da ría de Arousa e do río Ulla.

A iniciativa constitúe un excelente eixo en torno ó que poder levar a cabo unha investigación transversal nos eidos da música, a arquitectura relixiosa, a literatura, a toponimia, a etnografía... Nela vaise implicar toda a comunidade educativa (o alumnado, os dezaseis profesores e profesoras, o persoal non docente, familiares dos escolares e mesmo representantes de institucións e organismos alleos á escola).

As actividades que se van organizar terán un perfil inclusivo e integrador (sinal de identidade do centro, que creou, por exemplo, patios inclusivos e dinámicos e aplica estratexias de aprendizaxe colaborativas e adaptadas á diversidade).

Dito traballo de investigación culminará cunha Semana Cultural que se levará a cabo coincidindo ca festividade das Letras Galegas, en base a un programa de actividades co que o alumnado terá oportunidade de expoñer os traballos sobre a temática do Camiño. Ademais, contarán con expertos no tema que poidan aportar información e experiencias.

Os cativos exporán ao resto dos compañeiros os seus traballos de investigación de todo o curso.

Nas aulas do CEIP Santa María do Castro xa están máns á obra, despois de dividirse as tarefas por campos temáticos. Así, escanearán o territorio do treito xacobeo barbanzán ao longo dos seus cento vinte quilómetros, dende a parroquia ribeirense de Corrubedo ata Compostela, analizando a actividade económica (sectores de produción), a toponimia (como a de Pedrón como orixe do nome de Padrón), a astronomía, as festas, as romarías, a música (romances como o de Don Gaiferos de Mormaltán ou pezas tradicionais dos lugares polos que pasa o Camiño), a Historia (aproximación á mesma a través dos monumentos e outras construcións), as igrexas, os cruceiros marítimos, a orixe do Ano Santo e da Porta Santa, as tradicións (como a de poñer os dedos no parteluz do Pórtico da Gloria), as paisaxes, a gastronomía (farán un recetario do Camiño), a xeografía (elaborarán o Códice de Valiño, tomando o nome do lugar no que se ubica o colexio e a imitación do Códice Calixtino, a primeira guía turística do Camiño de Santiago), as lendas (como a da rivalidade entre San Andrés de Teixido e Santiago como puntos de peregrinación, ou a da orixe do Galo de Barcelos, símbolo de Portugal), os refráns e as expresións xacobeas de cada zona, etc.

Con todo o material que elaboren farán unha exposición e, ademais, percorrerán por cursos o treito boirense do Camiño A Orixe.

areadecompostela@elcorreogallego.es

29 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.