Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Escritoras galegas prefiren a capital maiá para as súas presentacións literarias

Dezaseis mulleres elixiron o Pazo da Peregrina // Vanse retomar en setembro // Tamén estiveron Negro e De Toro

Ames estase a revelar como un paraíso para a literatura feita por mulleres, e dende o mes de marzo, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu dez presentacións e un recital poético, chegando a todos os públicos, dende o adulto ao xuvenil e ata infantil. Pero hai un dato que cómpre salientar, e non é outro que as dezaseis mulleres, dez delas nunha obra colectiva, que elixiron a capital maiá para divulgar os seus últimos libros. Ademais, haberá continuidade, xa que está previsto retomar as presentacións no mes de setembro.

Segundo o Concello, as editoras teñen en consideración as biblioteca municipais “para programar presentacións e o espazo do Pazo da Peregrina como lugar e centro da cultura para a promoción das obras literarias en Ames e na comarca”.

E para dar fe desta nova, lembran que o 17 de marzo presentouse o libro Libres e vivas, da editorial Galaxia, unha obra colectiva de dez autoras diferentes das nosas letras que tratan a literatura, narrativa, poesía e teatro. Xa o 15 de abril, o Pazo da Peregrina acolleu a divulgación de Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Pardo Bazán, das escritoras Marilar Aleixandre e María López Sández, ao tempo que en maio foi Montse Pena Presas, acompañada por Victor Freixanes e Dolores Vilavedra, quen inaugurou a tempada: o día dezanove presentou a obra Intempestiva, unha biografía literaria de Xela Arias, da Editorial Galaxia.

O xoves 20, Charo Pita e Laura R. Cuba, xunto con Carlos Negro e Daniel Salgado, mostraron a obra de poesía erótica O cuarto de Jane e Rascamasseiras, da editorial Caldeirón.

Pero tamén houbo espazo para o xénero masculino, e o 23 de marzo realizouse unha sesión de recitais de poesía e faladoiro sobre a poesía actual en Galicia, coa participación de Diego Horschovsk, Anna R. Figueiredo e Carlos Da Aira. Abril, pola súa banda, estreouse coa obra xuvenil de Carlos Negro, Non cantan paxaros neste bosque (volveu este mes con Otero e Estrita necesidade), e Tomás Guerrero, escritor de bandas deseñadas, ilustrador e animador en 3D que conta historias a través de imaxes, recalou en Bertamiráns o 22 de abril para presentar as súas obras: A deserción de Stalin, Tanta paz leves e O neto do homem mais sábio. Por último, pasou Suso de Toro con Un señor elegante.

A pandemia obrigou a limitar a dúas obras a divulgación ao longo do pasado ano 2020
Foron Alfredo Conde, con ‘Homes de Ferro’, e Xabier Ron e Irene Tomé, autores de ‘Os exilios que somos’

A concellería de Cultura, con Natividade González á fronte, comezou coa iniciativa das presentacións a finais de 2019 coa intención de facelas de maneira continuada todos os meses. Non obstante, por motivos alleos, en decembro de 2019 só se realizaron dúas, e outras dúas en 2020 debido á situación provocada pola COVID e as medidas sanitarias.

Foron Paulo Calvo con A maldición de San Brandán, que estivo na biblioteca de Bertamiráns o 4 de decembro de 2019 para divulgar unha obra dirixida ao público xuvenil acompañado de trinta persoas, e Nazaret López, con Formigas nos pés, que visitou o Pazo da Peregrina o 19 de decembro de 2019. Ao acto acudiron preto de cen persoas.

A primeira presentación do ano 2020 foi o 5 de marzo cando Alfredo Conde trouxo Homes de Ferro ata o Pazo da Peregrina ante unha trintena de persoas. Tras o confinamento, retomouse a actividade con Xabier Ron e Irene Tomé coa obra Os exilios que somos, o día 16 de xullo, acompañados de vinte oíntes.

E dende o 23 de abril, con motivo da celebración do Día do Libro, as bibliotecas municipais do Concello de Ames organizaron unha programación específica para ese mes de abril que incluíu actividades para nenos e adultos, como un obradoiro infantil de Creacontos e, para os maiores, durante os xoves dese mes dispuxéronse diferentes presentacións de libros. Ademais, puideron participar no sorteo de bonos en libros nas librarías de Ames, e un concurso de debuxo sobre o Día do Libro completou unha programación que vai a máis na capital maiá.

E todo iso sen esquecer os obradoiros e encontros literarios que achegaron ata a capital máis presentacións de diversas obras dirixidas a toda a familia: dende os máis novos ata os maiores da casa.

29 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.