Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 28 noviembre 2022
00:00
h

Este ano optarán ó festival de cine escolar Olloboi 116 pezas

Boiro alberga o venres dez a gala na que se premiarán as mellores creacións chegadas de 45 centros de Galicia, Portugal e Suecia

As instalacións do estaleiro Triñanes de Boiro acolleron a presentación da nova edición do festival de cine escolar Olloboi, que terá lugar nesa localidade o vindeiro venres día 10. Na presentación participaron a concelleira de Cultura, María Outeiral; Eva Triñanes (representante do estaleiro); o cineasta e padriño do festival Eloy Domínguez; e Ana Moreiras, Petro Álvarez, Susana Diz e Lolo Garrido, integrantes de Olloboi.

A participación foi semellante á de edicións pasadas, aínda que o número de centros baixou, o que constata a dificultade de volver á normalidade nos traballos extraescolares, nos clubes de cine e nas propostas interdisciplinares. “O mérito destes traballos que se presentaron é dobre e a escolla foi difícil. O noso obxectivo é recoñecelos dun xeito integral; máis alá das categorías, os valores de cada traballo son singulares”, afirmaron dende a organización.

O cineasta Eloy Domínguez e padriño do festival agradeceu á organización polo traballo ao longo destas doce edicións e recoñeceu a importancia destas actividades “que dan aos rapaces e rapazas unha oportunidade de familiarizarse co cine”, dixo.

Este ano presentáronse 116 creacións audiovisuais procedentes de 45 centros de ensino de toda Galicia e mesmo de Portugal e Suecia.

Nesta edición, ademais dos trofeos para as categorías xerais (nas que se recoñecerán a mellor interpretación, o mellor videoclip, a mellor imaxe, o mellor guión e a mellor animación e a mellor videocreación e se otorgará o OlloboiRedes), haberá cinco premios diferenciados: Olloboi Peque, para traballos elaborados con alumnado de Infantil e Primaria, que consistirá nun concerto para o centro dos vencedores; Olloboi Muchachada, que obtén un obradoiro audiovisual de catro horas; Olloboi +18, para pezas elaboradas por alumnado de centros de ensino superior, ou profesorado, que permite asistir a unha rodaxe profesional; Olloboi Zamburrioi, que facilita a asistencia ao prestixioso festival FOCO de Fuenteobejuna; e Ollocoles, para unha experiencia educativa ecosocial contada con mirada, consistente nun lote de libros de Aira Editorial.

No tocante á programación, as actividades comezarán ás 10.30 horas ca recepción dos alumnos dos distintos centros participantes e a presentación do festival na Abadía de San Enrique.

ELOY DOMÍNGUEZ. Ó mediodía celebrarase a tradicional muchachada polas parroquias de Boiro, e ás tres da tarde terán lugar un concerto do grupo Blues do País e un xantar na praia de Barraña. Pola tarde, ás 16.30 horas, os asistentes desfrutarán de tempo libre, ata que ás 18.00 horas se celebren o espectáculo Peter Punk (na explanada do parque da Cachada) e o Cinefórum, con Eloy Domínguez, que presentará na casa da cultura as súas dúas ultimas pezas: Os Corpos e Rompente, gravada no Barbanza. O tema da charla será Do documental á ficción. Ás 20.30 comezará a entrega de premios, con foliada e cea na Abadía de San Enrique. E á unha da madrugada está previsto un concerto de fin de festa con Los Jinetes del Trópico no local A Pousada da Galiza Imaxinaria.

03 jun 2022 / 18:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.