Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
As chefs Cristina e Cecilia Sanmartín participaron nun showcooking que tivo o Galo Piñeiro como protagonista // Elaboraron dúas receitas, unha tradicional e outra innovadora // Enmarcouse no programa O Teu Xacobeo TEXTO Claudina Estévez

Explosión de sabores cando se xuntan gastronomía e Camiño

Sabores e saberes no Camiño, o proxecto liderado pola Federación EFAs de Galicia no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta, desenvolvía onte no Centro Cultural Luis Seone do Pino a súa terceira sesión. Nela eran o Galo e a Galiña Piñeira os protagonistas. As irmáns Cristina e Cecilia Sanmartín (do restaurante Casa San Martín, en Lalín), premio de gastronomía Galo de Curral, foron as encargadas de acometer as elaboracións nas que ensalzaron a carne desta raza autóctona: Galo receita tradicional e vieira con cecina de Galo Piñeiro.

A proposta contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen lembrou que “o programa inclúe un total de nove obradoiros de cociña en directo que se están a celebrar en diferentes puntos do Camiño de Santiago e para os que a Xunta de Galicia destinou unha axuda de algo máis de 11.000 euros”. De feito este proxecto continuará ao longo do mes de maio con máis demostracións de cociña temáticas que terán lugar en Melide, Palas de Rei e Arzúa.

Pola súa banda, o alcalde do Pino, Manuel Taboada, agradeceu o apoio da administración e o traballo de institucións como as EFAs de Galicia en prol da dinamización do rural, do Camiño e dos seus recursos. O vicepresidente das Efas de Galicia, Enrique Rodríguez, definiu a iniciativa Sabores e saberes como “unha expresión do Camiño no eido gastrocultural que permite descubrir os recursos da Ruta Xacobea e os seus territorios, interactuar cos seus axentes e recompilar e documentar o seu saber facer”, subliñou.

Unha das chefs, Cecilia, apuntou que “o galo é un dos produtos cárnicos galegos nos que se reflexa a calidade e a tradición da nosa terra”. Seguindo a tradición “preparamos o galo como se fixo sempre cunha receita que leva na nosa casa varias xeracións, e por outra banda fixemos unha menos tradicional pero que permite un perfecto aproveitamento da peza de galo”, sinalou.

Cabe destacar que dende a Efa Piñeiral de Arzúa son os responsables de coordinar e impulsar estes actos, que continuarán proximamente. O showcooking de onte tivo unha asistencia de 15 persoas, dado que a situación sanitaria non permite que se xunten máis. Dende a Federación EFA Galicia insisten en que será preciso anotarse previamente para poder participar nalgunha das futuras degustacións.

PROGRAMA Sabores e saberes no Camiño ten como finalidade o desenvolvemento das áreas rurais do Camiño de Santiago, a promoción da súa riqueza cultural, natural e humana a través de actividades de difusión da potencialidade gastrocultural nos Concellos de O Pino, Arzúa, Palas e Melide. Así, recentemente nas instalación do centro de formación profesional EFA Piñeiral tiveron lugar as primeiras sesións do programa, co queixo D.O.P Arzúa-Ulloa e a mel como protagonistas de sendas accións.

A finalidade última desta proposta non é outra que pór en valor a oferta gastrocultural dos municipios da comarca arzuá e as súas posibilidades como elementos dinamizadores das áreas rurais do Camiño de Santiago.

Tal e como indicou a este xornal o alcalde do Pino, Manuel Taboada, “este tipo de iniciativas serven non só para ensalzar a vinculación do noso territorio co Camiño senón tamén para darlle pulo a nosa gastronomía e amosar, neste caso, a versatilidade dunha raza autóctona como o Galo Piñeiro”.

O PROTAGONISTA
“Ponse en valor a vila”
Manuel Taboada, alcalde do Pino

“Xornadas como esta serven para seguir a pór en valor o Galo e a Galiña Piñeira e tamén o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio do Pino”, indicou o rexedor. “É especialmente importante que se celebren nun ano coma este, xa que no 2020 non se puido desenvolver a Festa do Galo Piñeiro”, engadiu. Dende o Concello agradecen tanto ás EFAs de Galicia como á Xunta que se desenvolvan propostas “que vinculan o noso territorio co Camiño e que ensalzan ao Galo Piñeiro, unha especie que se está a recuperar, dado que cada vez hai máis produtores interesados nel”, asegurou o alcalde. “Ademais a través deste showcooking demóstrase que serve para elaborar pratos tradicionais e modernos”.

30 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.