Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Exposición pictórica de Lucía Moreno no faro Vilán e dobre mostra no Museo Man

Camariñas. O municipio camariñán despedirá o verán con tres exposicións artísticas que poden verse xa nas instalacións do faro de Cabo Vilán e no Museo Man de Camelle. A sala de exposicións do faro, que xestiona a Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, acollerá ata o vindeiro día trinta de setembro as pinturas da artista e bióloga madrileña Lucía Moreno Spiegelberg.

Os veráns da súa infancia en Sardiñeiro (Fisterra) foron a fonte de inspiración das pinturas que amosa en Vilán. Inclúe obras de varias coleccións que engloban diferentes etapas de Lucía Moreno, predominando as representacións da fauna acuática e tamén o folclore da Costa da Morte.

Asemade, a mostra acolle unha colección creada durante o confinamento, na que reflicte as súas luces e sombras, e inclúe un traballo colaborativo coa súa curmá, Antía García Sendón, fotógrafa afincada na Coruña.

Pola súa banda, o Museo Man, de Camelle albergará ata o día 25 de setembro dúas exposicións, comisariadas por Toni Torres, que a asociación Art amb B trae a Camariñas a través do Instituto de Estudios Baleares: Surf, do reputado artista Pep Guerrero, e Canyissos, unha mostra colectiva.

Xa están expostas nas salas do Museo Man as catorce obras de Surf, creadas a través de partes de táboas de surf cortadas, que saen da parede ou do chan e nas que o artista multidisciplinar mallorquino Pep Guerrero incorporou as súas pinturas. “Paisajes, estampados de papel pintado... Todo lo que me gusta lo incluyo en una pieza”, explica o creador.

No caso de Canyissos exporanse un total de dezaseis pezas formadas polas táboas que antigamente se usaban nun pobo de Mallorca chamado Porreres para secar os albaricoques. Sobre elas traballaron dezaseis artistas, incluídos dous creadores galegos: a camariñana Puri Lema del Río e o vimiancés Xurxo Martiño. M. LAVANDEIRA

03 sep 2000 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.