Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fartura de novos valores literarios nun certame que atrae xa a lusos e alemáns

Recibíronse cento cincuenta obras no concello, noventa máis que o ano pasado // Vai ter gañadores o 18 de maio

Ames contará cun xurado de luxo para evaluar o récord de traballos presentados nesta edición ao seu XVIII Certame Literario. Así, serán 155 as obras –noventa máis que en 2020– que pasarán polas mans da profesora e escritora María López Sández, o docente e crítico literario Armando Requeixo e o profesor e autor Paulo Calvo, todos eles veciños deste municipio. Os gañadores daranse a coñecer o día 18 de maio a través da páxina web e das redes municipais, mentras que a entrega de premios farase o 21 de maio na casa da cultura do Milladoiro.

Así, este certame literario amesán retoma as cifras de participación nas que se viña movendo ata o ano pasado. As circunstancias especiais da convocatoria de 2020 provocaron unha diminución considerable no número de traballos presentados, que se reduciron a 65.

Ademais, nesta ocasión chegaron obras non só de toda Galicia e de varias comunidades, como Andalucía, Euskadi e Madrid, senón que tamén se presentan residentes en outros países europeos, como por exemplo Alemaña ou Portugal.

A categoría máis concorrida polos creadores literarios nesta ocasión foi a de poesía para maiores de 18 anos, á que se presentaron 58 traballos. Na modalidade de narrativa da mesma categoría presentáronse 49. Un total de 14 e 13 traballos concorren á segunda, para autores de entre 14 e 17 anos nas modalidades de poesía e narrativa, respectivamente. Na primeira, dirixida a persoas de menos de 13 anos, concorren 7 de poesía e 14 de narrativa.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, considera un éxito que as cifras volvan situarse nos valores que precederon ao ano no que se destapou a crise sanitaria da COVID. “Este ano volveuse presentar un número similar de traballos ao de edicións anteriores a 2020, o que dalgún xeito indica que as cousas van mellorando, e que o noso certame literario segue a ser un concurso de referencia para moitos creadores e creadoras en lingua galega”, divulgaba ao respecto.

En canto a galardóns, na primeira categoría haberá tres de 200, 170 e 140 euros, mentras que na segunda están previstos outros tantos de 230, 200 e 170 €. Na última tamén haberá a mesma cantidade, pero con importes de 300, 260 e 230 €.

areadecompostela@elcorreogallego.es

Xurado de prestixio con residencia na Maía: María López Sández, Paulo Calvo e Requeixo

No que atinxe ás persoas que van xulgar este concurso, consta María López Sández, escritora e profesora de ensino secundario e profesora asociada na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Licenciada en Filoloxía Hispánica, Inglesa e Galego-Portuguesa, é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada.

A súa produción narrativa está conformada por obras como A forma das nubes, premio Repsol de Narrativa, e O faro escuro. López Sández é tamén a autora do ensaio Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio, e recentemente vén de publicar con Marilar Aleixandre Movendo os marcos do patriarcado, un estudo sobre o pensamento feminista de dona Emilia Pardo Bazán.

Tamén estará o profesor de Economía e Matemáticas no ensino secundario Paulo Calvo, que publicou o ano pasado a súa primeira novela, A maldición de San Brandán, na colección xuvenil Costa Oeste da editorial Galaxia. Anteriormente, recibiu premios en certames como o de microrrelatos de Panxea, o do Centro Galego de Frankfürt e nos Sonigramas do Diario Cultural da Radio Galega. Ademais, colaborou cunha serie de relatos curtos de xénero fantástico no libro que leva por título Contos estraños. Segunda era.

Para rematar, figura Armando Requeixo, que é crítico literario, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e docente na Universidade de Santiago. Ensaísta e tradutor, Requeixo é membro da sección de crítica da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da Asociación Española de Críticos Literarios e do PEN Club Galicia. É colaborador habitual en varios medios de comunicación, e desde 2011 mantén o blogue Criticalia, onde publica críticas das novidades editoriais.

24 abr 2021 / 18:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.