Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A taberna de Rois dinamizará a vida de Seira ofrecendo callos gratis o próximo venres // Acollerá unha concentración de gaiteiros de toda Galicia // Sacarán en procesión o Sanviño o 16 de xullo // O 5 de agosto celebrarán o Xente de Querer TEXTO Víctor Furelos

Foliada a esgalla no Pemento, que mestura a cultura coa diversión

Desde que Xan Calvo colleu o mando do Pemento, esta mítica taberna de Seira pasou a ser moito máis que un local de hostalaría para converterse nun dinamizador cultural de primeiro orde nesta pequena parroquia de Rois.

Tomou o relevo Chus Mosquera e non quere perder os bos costumes herdados de quen é o seu mentor, e segue coas tradicións que tanta sona lle dan a un local adornado cos murais elaborados por Camilo Seira, tanto no seu interior, no que ilustra a gaiteiros, como no seu exterior con catro carballos que representan unha estación diferente cada un deles.

E aínda que o éxito do Pemento está nos seus saborosos pratos e viños que leva á mesa, non está de máis recoñocer o seu labor a prol da cultura de xeito desinteresado.

Despois de dous anos de pandemis, O Pemento recupera as súas festas de verán. O primeiro venres de xullo, que este ano coincide o día 1, xuntará no local a todos os gaiteiros, pandereteiros ou tamborileiros de calqueira curruncho de Galicia que queiran achegarse a protagonizar unha gran foliada que non deixará indiferente a ninguén.

Con esa desculpa organiza a Festa dos Callos. Todos os que queiran ir, gaiteiros ou non, terán callos gratis e sitio dabondo para aparcar o coche tamén de balde. E poderán desfrutar da música que enche todo o establecemento, xa que haberá gaiteiros no comedor, na zona da barra, na terraza, e moitas das veces ata dous grupos tocando á vez aínda que sen molestarse. Festa rachada.

Os bos costumes non deben perderse. Esta festa está enfocada pensando na música e en que os veciños e clientes poidan desfrutar dunha foliada como poucas.

Case sen tempo a descansar, xusto quince días despois, o 16 de xullo, O Pemento organiza o Sanviño, unha festa pagana na que a partir das dúas e media da tarde sacan en procesión a figura do Sanviño feita en madeira por Fernando Castaño. A comitiva vai ata a Casa do Bispo para regresar de contado á taberna, onde se vai celebrar o xantar.

Desta volta o menú estará composto por xoubas, pementos, tomate, empanada, polo picantón e churrasco con viño e café. O prezo é de 25 euros e faise preciso reservar porque o aforo é limitado. Os que asistan tamén poderán bailar coa música dos gaiteiros de Pedra Quente.

Pero o calendario festeiro posto a disposición tanto da xente de Seira como dos que queiran achegarse desde fóra non remata aí.

Chus Mosquera non esquece ós seus veciños e unha vez superada a pandemia celebrará o Xente do Querer o 5 de agosto a partir das sete da tarde. E tal o cariño que se lle ten a esta festa que os que asisten levan a súa propia silla para poder presenciar o espectáculo ben cómodos.

Cada ano algún veciño recibe a homenaxe do Pemento e desta volta é o turno de Rocío A Juapiña e O noso Manolo de Xan que, de seguro, recibirán os aplausos de todos os asistentes á gala que vai presentar o televisivo Moncho Lemos e que contará coas actuacións musicais de Alberto Cunha, o grupo Homelles, o dúo Óbice e os gaiteiros de Pedra Quente. A festa, pola experiencia doutros anos, alongarase ata ben avanzada a tardiña ou máis ben cando chega a noite polo que son moitos os que rematan ceando no Pemento, esa taberna que non pode morrer e que é todo un exemplo que proxecta desde o rural o mellor da nosa cultura e da nosa música.

27 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.