Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CALDAS. A iniciativa Green Umia integra nunha mesma localización a produción e o uso industrial de hidróxeno // O investimento será de 40 millóns de euros // As previsións dos promotores son elaborar 3.000 toneladas anuais TEXTO M. Lavandeira

Foresa e Iberdrola impulsarán unha planta de metanol verde en Caldas de Reis

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, desprazouse este lun ata Caldas de Reis para visitar as instalacións da empresa Foresa co fin de coñecer de primeira man a iniciativa Green Umia, que a citada compañía está proxectando, xunto con Iberdrola. Trátase dun proxecto que integra nunha mesma localización a produción e uso industrial de hidróxeno para a posterior obtención de metanol verde.

Conde subliñou a importancia desta alianza estratéxica entre as dúas empresas, e indicou que nestes momentos non se produce metanol verde en Europa. A compañía de Caldas vai integrar esta xeración dentro do seu proceso produtivo.

O proxecto, que foi declarado pola Xunta como Iniciativa Empresarial Prioritaria, conta cun investimento de 40 millóns de euros, e as previsións son chegar a producir preto de 3.000 toneladas anuais de metanol verde –que, entre outros usos, serán empregadas para a fabricación de diversas colas, resinas e adhesivos–, e xerar en torno a 35 empregos directos. Segundo subliñou o vicepresidente económico da Xunta, Green Umia é un dos proxectos máis destacados que integran a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation.

O vicepresidente destacou o impacto que a futura planta industrial vai ter no tecido económico local e da contorna, e apuntou que está aliñado cos principios da economía verde e circular. Así, vela polo menor impacto ambiental, posto que vai dispoñer dunha planta de tratamento que permitirá aproveitar os fluxos de augas residuais reducindo as cantidades que se precisan no proceso industrial. Ademais, vai empregar a enerxía eólica como fonte de subministración eléctrica.

APOIOS. Esta aposta vai na liña dos proxectos desenvoltos nos últimos anos por Foresa, compañía á que a Xunta, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, concedeu apoios por valor de 2,3 millóns de euros, mobilizando investimentos por importe de máis de 7,5 millóns en eidos como as renovables e a eficiencia enerxética, así como no da innovación.

A prioridade da Xunta de Galicia é ofrecer estabilidade e facilidades ao tecido empresarial para captar novos investimentos, a través de instrumentos como os Proxectos Industriais Estratéxicos, de Interese Autonómico e Iniciativas Empresariais Prioritarias como a que hoxe se presenta, que dan unha resposta administrativa áxil aos proxectos que Galicia ten en carteira.

DEZASEIS INICIATIVAS. Ata o de agora, con esta son xa dezaseis as Iniciativas Empresariais Prioritarias declaradas pola Xunta, o que lles outorga a redución do tempo de tramitación dos proxectos, o acceso a máis incentivos fiscais e máis facilidades para acceder ao solo empresarial, segundo lembrou o vicepresidente primeiro.

Respecto ao proxecto de Foresa e Ibredrola, destacou tamén que a integración desta iniciativa na súa liña de produción, ademais de xerar material verde, permitiralle “gañar en competitividade e, ao mesmo tempo, xerar un produto sostible”.

O protagonista
“E unha referencia a nivel europeo”
Francisco Conde
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Francisco Conde asegurou que é un dos proxectos “irruptivos” que se están impulsando “desde o punto de vista da sostenibilidade e a descarbonización aquí en Galicia”, e sinalou que vai ser un referente en Europa “xa que hai moi poucas iniciativas que vaian xerar este metanol verde”, incidía este martes.

Subliñou que se trata dun proxecto que integra o eido industrial e o enerxético, “e vai ser unha referencia da candidatura de Galicia Next Generation” e contribuirá a acadar o obxectivo dunha “Galicia 2030 máis verde e sostible”.

O proxecto xa foi declarado polo Consello da Xunta como iniciativa de interese prioritario, o cal segundo o vicepresidente e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, “vai significar unha aceleración administrativa para o desenvolvemento e posta en marcha”.

{ Pasaba por aquí }
Innovación sostible
Manuel Lavandeira

O camiño de futuro do sector industrial pasa por apostar polas enerxías renovables e por procesos de produción altamente sostibles e, para iso, é indispensable a innovación. Este é o caso da iniciativa que impulsarán Ferosa e Iberdrola que, se todo sae ben, porán en marcha un proxecto pioneiro en Europa. Esto suporá situar a Galicia nos postos de saída e á cabeza na aposta pola sostibilidade e a loita contra o cambio climático. Un compromiso que parece irrenunciable a estas alturas do século XXI e que debe servir tamén de modelo para outras empresas e proxectos industriais de futuro. Investir en sostibilidade e sinónimo de apostar por unha maior calidade de vida e ese debe ser o obxectivo principal de toda iniciativa.

26 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.