Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Formación adaptada ao COVID para adultos e nenos en Bertamiráns

Os cursos comezaron o día 28 de xuño e prolongaranse ata o 22 de xullo coa intención de dotar a maiores e pequenos de coñecementos aplicables ao día a día

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames, ubicada na casa da cultura de Bertamiráns, está a impartir cursos de carácter telemático para todos aqueles veciños que garden interese nalgún deles. O obxectivo principal de dita aula é facilitar o acceso dos cidadáns amienses ás actividades programadas e dotalos de coñecementos aplicables ao día a día.

Estos programas de formación iniciáronse o 28 de xuño cun curso sobre o manexo de Google Maps e prolongaranse ata finais deste mes. A Aula CeMIT dirixe as súas actividades a tódolos públicos, contando con cursos destinados tanto a pequenos como a maiores. No caso destes últimos, as aulas están focalizadas na inserción laboral traballando aspectos como a creación do curricúlum vitae e a busca de emprego a través de internet. A primeira destas actividades terá lugar o día 6 e 8 de xullo de 17 a 18.30, mentres que a segunda levarase a cabo nas xornadas do martes 13 e o xoves 15 no mesmo horario e lugar ca no curso anterior, é dicir, entre as 17 e as 18.30 na casa da cultura.

CURSOS INFANTÍS. No que respecta aos rapaces, a Aula CeMIT pon a súa disposición dous talleres online. O primeiro deles impartiuse na mañá de onte e constou de leccións sobre mecanografía, ensinando as bases da plataforma “typing” para que os cativos poidan practicar dende as súas casas ao longo do verán a través de titoriais en YouTube. O outro curso que dita aula ofrece aos rapaces e rapazas amienses terá lugar os martes e xoves, dende o 6 ata o 22 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas, no que se impartirán clases de Scratch. Trátase dunha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que logo se adentren na robótica aplicada á educación e se interesen polo mundo da tecnoloxía, da programación de sistemas electrónicos e da informática.

INSCRICIÓN. Para a matriculación nos devanditos cursos que a Aula CeMIT ofrece só é necesario contar cun ordenador co software LibreOffice e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Estes cursos mesturan sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar a aprendizaxe.

Para darse de alta nalgún destes obradoiros é preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. No caso de ter algunha dúbida ou querer solicitar máis información acerca da reserva pódese acceder á aula no primeiro andar da casa da cultura de Bertamiráns ou poñerse en contacto a través do número de teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal .

HORARIO EN XULLO. Ao longo deste mes a Aula Aberta modifica os seus horarios pasando a estar dispoñible só os luns, mércores e venres, de 08.00 a 14.00 horas. Ademais, para poder acceder a ela hai que respectar o protocolo establecido en contra da COVID. É por iso que se esixe a limpeza e desinfección das mans antes de empregar calquera ordenador ou material e o uso obrigatorio da máscara en todo o recinto. Ademais destas dúas medidas é necesario manter unha distancia de seguridade de metro e medio entre equipos e usuarios en todo momento. Todo isto é debido a que os oito sistemas que se poñen a disposición dos cidadáns están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas e o distanciamento en todo momento. Xunto a todo isto súmase que o responsable da aula levará a cabo unha desinfección en profundidade da zona entre os respectivos usos para poder garantir a seguridade de tódolos usuarios presentes.

MÚSICA
Ames cítase co jazz no pazo da peregrina de Bertamiráns

··· O Concello de Ames celebrará esta noite a cuarta edición do Festival de Jazz ante 200 persoas coa actuación de Xan Campos co espectáculo ‘Realismo’ e David Regueiro Trío, con ‘Areal’, sendo os encargados de por música ao cuarto aniversario do Jazz en Ames.

··· Xan Campos e David Regueiro son dous dos maiores referentes do jazz galego. Xan é un dos pianistas máis activos da Península e leva máis de 15 anos de traxectoria xunto co seu trío. Mentres que David ven da tradición do Gypsy Jazz, do Jazz europeo e recibe clases dalgúns dos músicos con máis traxectoria a nivel internacional. Ten unha ducia de discos editados e centos de actuacións ás súas costas.

02 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.