Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Formación con base afrocubana e galega na escola amesá de música

A EMMA presenta catro novos obradoiros para abril e maio // Tamén abordan o canto moderno e o beatbox // Cada un custa 10 € e impartiranse en Aldea Nova

A Escola Municipal de Música de Ames, EMMA, vai poñer en marcha obradoiros musicais para que a veciñanza poida coñecer ou afondar nun xénero ou nunha práctica lírica da man de persoal docente profesional e experto. Con estes talleres, que se desenvolverán en catro sábados de abril e maio, queren fomentar condutas activas e contribuír á motivación cara á música e ao lecer.

Foron as instalacións da propia Escola Municipal de Música de Ames, situadas en Aldea Nova, o marco elexido para acoller a presentación desta nova oferta formativa para os vindeiros meses. Ao acto acudiron a concelleira de Cultura, Natividade González, e a directora da EMMA, Pilar Martínez. Ambas destacaron que este é un dos primeiros pasos para achegar máis este servizo ás persoas que aínda non a coñezan. “Estamos moi ledas de abrir a escola a toda veciñanza con estes obradoiros. Tanto Pilar coma eu tiñamos moitos plans para a escola que co coronavirus non puidemos realizar, e queremos comezar a retomalos”, sinalou a edil.

Deste xeito, cada unha das catro propostas incluirá dúas horas de formación de carácter introdutivo, con grupos dun mínimo de cinco e un máximo de quince persoas, aos que se pode sumar calquera persoa a partir dos 8 anos. Entre as temáticas, atópanse xéneros e culturas musicais como a tradicional galega ou a afrocubana, ou ben técnicas como o canto ou o beatbox. “O máis importante é divertirse e levar unhas pequenas nocións, aínda que pensemos que non servimos para cantar ou para tocar”, recalcou a directora da EMMA, Pilar Martínez, que ademais será a persoa encargada de impartir o curso adicado ao canto moderno.

BEAT. Pero non vai ser este o primeiro obradoiro do ciclo, senón que abrirá programación un de beatbox, que se desenvolverá o sábado 9 de abril. Beatbox, máis alá da túa voz vai ser a proposta dirixida polo cantante e beatboxer Narci Rodríguez, na que as persoas asistentes coñecerán técnicas básicas, pero tamén as primeiras rutinas para probarse nesta disciplina. Asemade, presentarase a historia e a orixe deste xénero, e mostraranse diferentes tendencias, estilos e tamén variadas modalidades.

O segundo curso do mes terá lugar o sábado 23 abril, nesta ocasión afondando na música tradicional galega e na percusión miúda. Ramón Dopico presentará cinco instrumentos de pequena percusión presentes na cultura musical de Galicia, historicamente rexeitados e ás veces non recoñecidos como tales. O obradoiro, de nivel inicial, percorrerá os diferentes timbres, cores, patróns rítmicos e xeitos de tocar as tarrañolas, as culleres, as cunchas, a tarabela ou o triángulo.

Xa na primeira quincena de maio, o sábado 7, celebrarase o taller de canto moderno, impartido pola cantante profesional, vocal coach e directora da EMMA, Pilar Martínez. As dúas horas de curso dividiranse en outras tantas partes. Na primeira, sobre técnica vocal, traballán a relaxación, os coidados e a respiración, así como conceptos como a vocalización, a afinación ou as colocacións da larinxe e dos resonadores. Xa na segunda parte, incidirase na creación musical, mostrando como ensaiar, cantar e gravar unha canción. Cada persoa participante deberá levar unha botella de auga propia para desenvolver este terceiro obradoiro.

AFRO. Por último, o sábado 21 de maio será a quenda da música afrocubana, cunha introdución aos ritmos desta cultura da man de Amaury Quintero, coach, percusionista profesional e tamén docente na propia escola municipal amesá. O curso divulgará os diferentes instrumentos de percusión propios de ritmos como o son, o mambo ou o chachachá, co fin de que as persoas asistentes poidan aprender máis sobre esta linguaxe e identificar aspectos da cultura afrocubana. Pero, ao mesmo tempo, poderán iniciarse na práctica destes ritmos, nun obradoiro de iniciación que repartirá as súas horas entre parte teórica e tamén unha práctica.

ATA O XOVES. As persoas interesadas en participar nestes cursos poden realizar a xa as súas inscriciones ata o próximo xoves 31 de marzo, enviando a ficha de inscrición que aparece na web municipal ames.gal cuberta e asinada (ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal). O custe da praza por curso é de dez euros, que só se deberán abonar unha vez que o departamento de Cultura confirme que ten reservada a anotación a través do correo electrónico. Os grupos estarán formados por persoas a partir de oito anos, e terán un mínimo de cinco e un número máximo de quince integrantes.

28 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.