Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Fran Sieira e Ambar únense pola danza en clave inclusiva

O coreógrafo e bailarín barbanzán Fran Sieira (que acompañou a Tanxugueiras no festival de Benidorm) forma parte do elenco de artistas que dirixirán as pezas plásticas e escénicas do festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro Mar Diverso, que se celebrará do 26 ó 31 de xullo na contorna da ría e Arousa, organizado pola asociación de persoas con diversidade funcional Ambar.

Nestes momentos está traballando co grupo de artes escénicas de dito colectivo, formado por Noelia Argibay, Ángeles Devesa, Marina Mondelo, Conchita Mouriño, Carmen Pérez, Paula Ramallo, Montse Queiruga e Mercedes Ríos, coñecidas polas performace Elas e As paisaxes de Camille e que foron galardoadas o pasado ano co premio Begoña Caamaño.

A peza escénica, segundo Sieira, “fala de mar, de brisa, de praia, de traballo e de lecer. Todos eses sentimentos que para min neste caso me esperta a nosa costa galega, que é marabillosa”.

Fran Sieira (Ribeira, 1990) é bailador dende os 8 anos. Director artístico do grupo de baile e música tradicional Tahúme dende 2003, foi bailador nos espectáculos Isolma (2007) da compañía G221, Alén da Croa (2012) da compañía Quique Peón Cía, e Son (2016) da compañía Nova Galega de Danza, entre outros.

En novembro de 2017 creou o seu propio proxecto profesional, Fran Sieira, Compañía de Danza, onde utiliza o baile tradicional galego como o seu principal mecanismo de expresión, pero dende un marco contemporáneo.

Estreou en 2018 o seu primeiro espectáculo, EntreSoños, e despois de tres anos en xira con 23 funcións por toda Galicia, naceu o proxecto DeMente, estreado en 2021.

A peza que prepara con Ambar busca “transportar ó público a outro lugar e outros tempos. Facer desfrutar do noso Mar Diverso a través da inspiración de danzas mariñeiras, muiñeiras, maneos e xotas cheas de creatividade”.

16 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.