Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Crespo presenta o Cocido e pide potenciar a captación de turistas // Melide pon en valor o Camiño e o melindre // Trenor destaca o xeodestino Muros-Noia // Arzúa divulga a Festa do Queixo e Valga, as Fervenzas e Mar de Santiago TEXTO Ana Pérez

Gastronomía, natureza e cultura: puntos fortes da comarca en Fitur

A Feira Internacional de Turismo de Madrid está a ser o escenario perfecto no que amosar o mellor de cada municipio que conforma a área compostelá. A Mancomunidade de Ordes presentou no Recinto Ferial-Ifema Madrid as súas rutas guiadas pola comarca, o seu primeiro produto turístico baixo o selo Terra de Ordes. Consiste nun ciclo formado por sete rutas gratuítas que teñen por finalidade divulgar o patrimonio natural, cultural e gastronómico de cada un dos concellos de dita Mancomunidade.

Pola súa parte, Turismo de Galicia presentou un novo catálago dedicado ás fervenzas e saltos de auga en Galicia titulado Fervenzas de Galicia-Poema visual, cun apartado sobre saltos de auga sen gran desnivel pero cun encanto especial baixo o epígrafe de Pequenas pero xeitosas, no que a portada é a fervenza de Castriz, en Santa Comba.

O Concello de Melide apostou por facer equipo co resto de concellos da Mancomunidade do Camiño Francés para promover esta ruta xacobea e o seu impacto positivo nas cifras do turismo local. O alcalde da vila, José Manuel Pérez, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, participaron na presentación dun vídeo de promoción do Camiño elaborado pola Mancomunidade. O rexedor salientou a importancia de que os concellos da ruta xacobea colaboren en iniciativas como esta. Pola súa banda, Xosé Igrexas valorou moi positivamente as cifras de turismo de 2022 en Melide e considerou que “a promoción da Festa do Melindre, cuxa trixésima edición foi un éxito total, e do Camiño de Santiago, supón contar con dous recursos excepcionais para destacar Melide nos mapas turísticos de Galicia”.

Arzúa tamén está presente un ano máis en Fitur, cita na que, ademais de promocionar a vindeira edición da Festa do Queixo 2023, asistiu á presentación do proxecto Camino 360º xunto á Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés. Para a concelleira de Turismo, Begoña Balado, a presenza nesta feira “supón darlle unha gran visibilidade ao noso concello e, polo tanto, de dar a coñecer o grande atractivo turístico de Arzúa”.

Xa na zona do Barbanza hai que destacar á Mancomunidade Barbanza-Arousa, que presentou un novo audiovisual que traslada as vivencias que o destino ofrece aos seus visitantes. Este ano buscouse transmitir ao público unha historia a través da que vivir e descubrir o territorio de Barbanza-Arousa, mostrando pinceladas do que unha estancia na comarca pode aportar aos turistas que queiran desfrutala.

Asemade, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na ponencia Gastronomía da Ría de Muros-Noia, sostible por natureza. Trenor puxo en valor “o excelente traballo dos alcaldes e de todo o equipo do xeodestino Muros-Noia e, en relación coas súas potencialidades turísticas, destacou que “a mellor definición sería unha Galicia en pequeno dentro dunha Galicia máis grande, porque este espazo ten todo para extractar nunha soa viaxe a esencia da nosa comunidade”.

O alcalde de Lalín, José Crespo, presentou en Fitur a Feira do Cocido nun acto no que estivo acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. O rexedor lalinense apostou por unir esforzos con outras feiras para captar turistas. “Hoxe en día a Feira do Cocido, a Festa do Polbo do Carballiño e a Festa da Lamprea teñen fama suficiente, potencialidade e experiencia organizativa para dar un salto de calidade conxunto que nos permita configurarnos como un todo nun destino turístico especial e máis apetecible aínda”, subliñou.

Despois participou na presentación do xeodestino de Deza e Tabeirós. Na presentación, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, puxo en valor “o enorme potencial e o inmenso caudal natural” das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes como Destino Verde de referencia en España. Ao acto tamén asistiu o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña.

O rexedor de Valga, José María Bello Maneiro, participou na presentación de Fervenzas de Galicia, poema visual. Interveu en representación dos 63 concellos que aparecen recollidos nesta nova guía turística, na que Valga é un dos grandes expoñentes coas fervenzas de Parafita e Raxoi.

Este venres, Bello Maneiro asistirá na citada feira á presentación da marca Mar de Santiago coa ruta marítimo-fluvial.

20 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.