Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Haberá axudas para renovar a unitaria de San Fins de Sales

Iluminouse o exterior da pista polideportiva e o velódromo coa orde de infraestruturas

Vedra. O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, visitou as melloras nas instalacións municipais realizadas ao abeiro da orde de infraestruturas de uso público do ano pasado. A achega da Xunta de Galicia ascendeu a máis de 27.000 euros, que se destinaron á instalación da iluminación exterior da pista polideportiva e do velódromo neste municipio.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, Vedra volverá contar cunha axuda desta orde este ano de máis de 27.000 euros para levar a cabo a reforma da escola unitaria de San Fins de Sales que mobilizará, en colaboración co Concello, máis de 39.000 euros. Trenor referiuse á relevancia destas actuacións a prol da actividade cultural e social do municipio e dun axeitado desenvolvemento dos seus servizos municipais. A Orde de infraestruturas de uso público destínase a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste ano, o orzamento previsto para as actuacións deste tipo ascende a 3,5 millóns de euros.

Na área de Santiago concedéronse 9 axudas que beneficiarán aos concellos de Arzúa con Melide, Rois con Dodro, Boimorto con Vilasantar, Boimorto, Ordes, Oroso, Vedra, Frades e Trazo. A Xunta destinará a estas nove actuacións máis de 316.000 euros que mobilizarán máis de 538.000 euros.

Desde a creación da orde, en 2009, o Goberno galego mobilizou máis de 44 millóns de euros para financiar 1.480 proxectos en concellos de toda Galicia, dos que 125 se executaron o pasado ano e 108 serán executados este ano. O obxectivo é garantir un equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico de todo o territorio galego e unhas óptimas condicións de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia. C.E.

15 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.