Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Habilitados once quilómetros de sendas peonís e ciclistas en Bergantiños

Rematouse a que une Carballo e Coristanco // Están licitadas xa as de Soesto e Serantes e para contratar, as de Xornes e O Couto

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada dos alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero, e de Coristanco, Juan García, comprobou este martes o resultado dos traballos da nova senda peonil e ciclista que une ambos municipios, e na que a Xunta investiu 1,1 millóns de euros. Terá continuidade na senda de acceso ao centro comercial que se licitará na primavera.

O obxectivo é favorecer os desprazamentos cotiáns dos veciños e reforzar a seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables das estradas. Os usuarios dispoñen desde finais de decembro deste novo itinerario, que valoran e empregan acotío por mor da súa seguridade e comodidade, pois dá continuidade ás beirarrúas de Carballo ata as que había no lugar de Montecelo, xa en Coristanco.

O novo itinerario desenvólvese ao longo de case 2,5 km, dos cales 600 metros discorren pola marxe dereita, comunicando a beirarrúa en Carballo con esta vía de acceso á factoría de Calvo; e 1,9 km pola esquerda, desde a saída de Carballo ata a beirarrúa de Montecelo, continuando pola dereita ata Coristanco.

Ademais, para salvar o río Grande acometeuse unha pasarela, adosada ao viaduto, o que permitiu reducir as cimentacións necesarias e evitar afeccións á contorna fluvial. Tamén se pavimentou a senda e completáronse os traballos coa drenaxe de pluviais e a execución da obra civil de servizos, en coordinación coa renovación de canalizacións de telecomunicacións e alumeado que fixo o Concello.

Ethel Vázquez lembrou que a actuación visitada completa os itinerarios previstos na primeira fase do Plan de sendas da comarca de Bergantiños, co que xa se puxeron a disposición dos veciños once quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de cinco millóns. Estas actuacións están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Ethel Vázquez avanzou que se van construír dous novos treitos na AC-552 para favorecer o acceso a pé ao centro comercial, que se licitará en primavera, cun investimento de 716.000 euros.

Remarcou que tamén están en contratación as obras da senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán, en Ponteceso, para iniciar na primavera; e tamén a do Couto, que se licitará canto antes, ás que se suman as de Laxe, en Soesto e Serantes, que foron licitadas no mes de xaneiro.

A conselleira fixo fincapé na mellora das infraestruturas viarias da zona por parte da Xunta, pois en marzo prevese someter a información pública o proxecto de trazado da primeira fase da variante de Carballo, no tramo de Bértoa, que suporá un investimento de 15 millóns de euros.

Tamén puxo en valor a aposta polo transporte público, que se ten traducido na modernización de todas as liñas e en iniciativas como a gratuidade no autobús da Xunta para os menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova.

Así, sinalou que preto de 1.500 mozos de Carballo dispoñen deste dispositivo, co que en 2021 fixeron máis de 31.000 viaxes de balde.

A Xunta tamén fará obras de humanización na estación de autobuses de Carballo.

02 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.