Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Historia, gastronomía, artesanía, música e deporte no Asalto ao Castelo de Vimianzo

A agardada vinte e cinco edición celebrarase os días 1 e 2 de xullo // Por primeira vez, a revolta irmandiña terá a distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia

O pendón dos Moscoso xa colga da fortaleza da capital de Soneira e iso é sinal de que o Asalto ao Castelo de Vimianzo está próximo. As tropas irmandiñas volverán a derrubar as súas portas o 2 de xullo e este ano non será unha vitoria máis para eles, senón que poderán celebrar, por fin, a esperada vinte e cinco edición, que chega ademais coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Argumentos máis que suficientes para que a revolta que rememora o levantamento irmandiño do século XV sexa este ano un evento moi especial, no que volverán a compartir protagonismo a historia, a gastronomía, a artesanía, o deporte e a música, entre outros moitas propostas que comezarán a desenvolverse xa nas semanas previas.

Un amplo abano de actividades que foron dadas a coñecer este sábado no foxo do castelo nun acto ao que asistiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a xefa da Área de Turismo da Xunta, Ana Teresa Cimas; o deputado provincial, José Manuel Pequeño; concelleiros; Alba Mancebo e Marta Miñones, en representación da Asociación Cherinkas; e Michel Antelo, de Axvalso, entre outros.

Unha das novidades é que este ano serán dous de días de festival, xa que haberá concertos tamén o 1 de xullo. Ese día subirán ao escenario Cé Orquestra Pantasma, Monoulious DOP e A Banda da Balbina, despois dunha batalla de queimadas. O sábado 2 de xullo, o gran festival xuntará pola noite a Sés, Nativa, Talco e Tandub. Ao longo do día animarán as rúas vimiancesas Los Jinetes del Trópico, Teima e Sapoconcho sem poncho, e haberá sesión vermú itinerante con Lilicleta.

Na medianoite do sábado, entre os concertos, chegará o momento álxido da festa: o Asalto ao Castelo, cunha representación teatral na que o público se converte en irmandiño e asiste ao terror dos poderosos, para despois vingarse iluminándose con fachos, e ariete en man.

Unha semana antes, o sábado 25 de xuño, dará comezo oficialmente a festa coa celebración da VI Legua Irmandiña, unha carreira con distancias do medievo que ten como fermosa meta no solpor o propio castelo de Vimianzo. Hai que inscribirse en www.galitiming.com. O domingo 26 terá lugar outra das novidades desta edición; unha emotiva ruta guiada polos escenarios e lugares da historia da festa e a subida á mítica Cruz do Loureiro.

Un dos pratos fortes, literalmente, serán os XIII Pinchos Irmandiños que animarán a vila do martes 28 de xuño ao sábado 2 de xullo. Nesta edición, organizada pola hostalería de Vimianzo, participan propostas locais que só poden levar como ingredientes produtos que existisen no século XV en Galicia. Poderase premiar ao establecemento mellor decorado e tamén ao mellor petisco. E se se fala de gastronomía medieval, a gran referencia é a Cea Medieval que conta xa con once edicións. Será o 1 de xullo, pero as entradas xa están esgotadas. Onde aínda hai sitio é nas Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira. Un emotivo desfile de veciñas e veciños da comarca histórica gobernada polo castelo, que se xunta o sábado pola tarde para preparar o gran asalto. A programación pódese ver en www.asaltoaocastelo.gal.

Festa da veciñanza

A presidenta de Axvalso, Marta Miñones, destacou que esta é “a festa da veciñanza, a máis gamberra e para min a máis emotiva, porque alá polos anos 90 do século pasado, xa andaba alzando o facho ao berro de lume!!”. Pola súa banda, Míchel Antelo, quixo transmitir cunha camiseta dunha edición pasada “a importancia do paso do tempo, e o preciso que é que veña xente con forza para que sigamos entre todas e todas establecendo pontes entre todas e todos para que esta festa non decaia”.

Ana Teresa Cimas, xefa da área provincial de Turismo da Xunta de Galicia, subliñou que a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, “porá a Vimianzo no panorama turístico non só de Galicia, senón tamén no nacional”, mentres que o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, quixo poñer en valor o modelo de xestión do castelo vimiancés, que é propiedade da Deputación da Coruña, resaltando que “o máis importante non é quen é propietario, senón quen o xestiona. Para nós é un orgullo que un elemento patrimonial coma este sexa capaz de albergar toda unha Festa de Interese Turístico de Galicia”

Pola súa banda, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, afirmou que é un “orgullo para Vimianzo poder festexar 25 anos do Asalto ó Castelo co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia” e o “sentimento” que supón para todo o pobo de Vimianzo. “Grazas Cherinkas. Grazas Axvalso. Grazas a tantísimos e tantísimos nomes que hoxe é imposible enumerar por falta de tempo pero que teñen a “culpa” de que hoxe poidamos presentar unha cita que nos ilusiona a todas e todos por igual e á que convidamos para pasar unhas xornadas inolvidables”. “Lume!”, rematou a alcaldesa.

04 jun 2022 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.