Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Homenaxe na Estrada o 25 á lingua ca Festa das Palabras

microrrelatos e micropoemas

O concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, presentou este venres, xunto con representantes dos equipos de dinamización lingüística dos centros educativos estradenses, a programación da novena edición da Festa das Palabras, que se celebrará no Teatro Principal da localidade pontevedresa o vindeiro 25 de maio e estará amadriñada pola autora Rosalía Morlán.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, Juan Constenla agradeceu a implicación de toda a comunidade educativa da vila neste proxecto, “que busca promover o uso da lingua galega entre a mocidade e que supón o peche ao traballo desenvolto nas aulas durante todo o curso escolar”, segundo puxo de manifesto o concelleiro.

En canto ao programa da xornada, a IX Festa das Palabras comezará ás 20.30 horas no Teatro Principal cunha intervención da madriña elixida para este ano, a escritora galega de literatura infantil Rosalía Morlán.

A continuación terá lugar a entrega de premios do noveno concurso de micropoemas e microrrelatos, organizado polos equipos de dinamización lingüística dos centros.

Segundo explicaron, nesta ocasión o alumnado decidiu no primeiro trimestre do ano entre os títulos das obras do escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán, que os microrrelatos debían conter a palabra “loita”, e os micropoemas a palabra “infinda”.

Xunto co premio, os/as gañadores/as recibirán un libro conmemorativo da edición cos 62 textos que resultaron premiados e con 14 ilustracións realizadas polo alumnado de Educación Infantil dos centros escolares. Ademais, o mencionado acto contará co acompañamento musical da agrupación Favorita.

Durante a presentación, a coordinadora local dos equipos de dinamización lingüística Dinamizaestrada, María Tato, agradeceu a colaboración do Concello da Estrada e sinalou a importancia de continuar con esta celebración para dar “un pasiño máis cara ese futuro esperanzador en que o galego sexa falado en todos os ámbitos”, sinalou.

Poeta, profesora e enfermeira, a escritora Rosalía Morlán será a madriña da festa este ano. “Son unha enfermeira por vocación á que lle apaixona escribir. Son efectivamente unha mestura das dúas”, dixo a autora, que agradeceu que conten con ela.

21 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.