Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Humana recolleu 37 toneladas de residuo textil en Carballo ata xuño

O 90 por cento das prendas verán alongado o seu ciclo de vida, xa que serán reutilizadas e recicladas // A súa xestión evita a emisión de 226 tn. de CO2

A recollida selectiva e a xestión do residuo téxtil permitiron recuperar no primeiro semestre do ano no noso concello máis de 37 toneladas, o equivalente a 150.000 pezas. O 90 % das prendas verán alongado o seu ciclo de vida grazas á reutilización e a reciclaxe, dous elementos básicos para a economía circular e a creación e mantemento de emprego verde por parte da Fundación Humana. Ademais, esta xestión do residuo téxtil evitou a emisión de 226 toneladas de CO2.

A entidade sen fin de lucro recuperou 37.034 quilogramosde xaneiro a xuño, por 36.214 no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 2,3 %. O residuo téxtil (roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar) deposítase nos contedores instalados en espazos de fácil acceso e que se baleiran periodicamente para garantir un bo servizo.

As 150.000 pezas recuperadas foron almacenadas inicialmente na planta de transferencia que Humana ten en Santiago e posteriormente clasificáronse na planta de preparación para a reutilización que ten en Leganés (Madrid). “O primeiro obxectivo sempre é a reutilización, porque o artigo máis sostible é o que xa se fabricou e non ten máis custos nin impactos de produción; despois, a reciclaxe; por último, cando non queda máis remedio, a valorización enerxética ou o seu envío á entulleira”, afirma Rafael Mais, director de Proxectos e Relacións Externas de Humana.

Agradecemos enormemente as doazóns da cidadanía”, engade Rafael Mais, “con todo, aínda queda moito camiño por percorrer porque cada cidadán desbota anualmente de entre 20 e 30 kg de téxtil, pero nos municipios con recollida selectiva non se alcanzan o 5 kg de media”. Dito doutro xeito: en España xérase anualmente máis dun millón de toneladas de residuos téxtiles; desgraciadamente, só se recolle algo máis dun 10 %. O resto tírase noutras fraccións e acaba finalmente nun vertedoiro. Son cifras inasumibles que a lexislación trata de mitigar.

Un 59 % das prendas tratadas destínase á reutilización; o 17 % a través das tendas de moda sostible de Humana e o 42 % expórtase a África principalmente para ser comercializado, facer accesible a vestimenta en países menos desenvolvidos e xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.

21 jul 2022 / 01:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.