Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Imos elaborar un estudo para conectar o polígono ca autovía”

Como vai o proxecto para a humanización da urbe do Milladoiro?

A humanización do Milladoiro non é fácil. Falamos dunha cantidade económica de investimento grande, de entre 8 e 10 millóns de euros. Pero demos un paso importante, ter un proxecto que elaborou o Concello e trasladou a Infraestructuras do Estado. E anunciarei pronto algo importante: que están traballando no proxecto eles mesmos, porque se non o houbera, non hai obras. Será o paso previo para executalo.

Antes hai que solucionar o desvío do tráfico na N-550...

Seguramente se faga previamente o desvío antes de chegar ó Milladoiro, pola rotonda de Santiago, porque iso libera o tráfico, e irá en consoancia co futuro proxecto de humanización. Será un carril de desvío para a rúa que vai ao polígono, e paralelamente estase a facer o estudo de saída, cun acceso elevado ou soterrado. A maiores, dicir que a zona de crecemento do Milladoiro vai ser cara a zona onde está o instituto e o polígono, e abaixo construirase o colexio. Nós aí xa metemos nos orzamentos, co POS, a saída por unha pista que temos que asfaltar e ancheala un pouco, e vai á rotonda de Paramuíño, saíndo logo á autovía,. Hai pouca diferencia en tempos.

Logo o proxecto terá que apoiarse na autovía AG-56?

Terán que poñerse de acordo a Xunta e Infraestructuras por se hai que pagar, xa que sabemos que existe unha peaxe encuberta na autovía. É a saída lóxica, e non ten sentido poñerse a facer máis autovías. Á parte, eu xa quedei co presidente Feijóo en facer un estudo previo de viabilidade para unir o polígono coa AG-56, pero non creando unha rotonda nova, senón conectando directamente co saída, porque hai moi pouca distancia. Alí hai unha diferencias de cota, imos contratar ese estudio, e trasladarémosllo á Xunta de Galicia, porque conleva unha infraestrutura que teñen que facela eles.

Como vai o proxecto do centro deportivo para esta mesma urbe?

Estamos a definir o proxecto, pliegos e licitar a obra, e espero telo a finais deste ano resolto. Os datos que nos da a consultora respecto da contratación da obra que inclúe a xestión do complexo son positivos, cun nove e pico. E cunha novidade: a xestión conxunta das dúas piscinas, porque a concesión da climatizada de Bertamiráns remata en ano e medio. Xa está feita esa piscina, non terían que investir nada alí, e serviría como complemento.

Falemos de Bertamiráns. Teñen prevista algunha nova dotación?

O máis importante para Bertamiráns será empezar a definir a creación dun polígono empresarial, non industrial, na saída da rotonda onde remata Caroubáns, de alí para arriba. Sería máis pequeno e do estilo do de Milladoiro. No Portanxil había un proxecto, pero é inasumible. O futuro espazo será de sete ou oito hectáreas, con naves de entre 400 e 2.000 metros cadrados, con comunicacións estupendas pola autovía.

E para a veciñanza de a pé?

Temos outro proxecto: sería a creación dunha praza de abastos, sostible, algo distinto, máis vinculado aos proxectos de coworking como o de Brión. Xa modificamos o solo, onde a casa Barbazán, conservando a estrutura que hai por fóra, torar por dentro e facer unha ampliación con materiais sostibles, e no entorno facer unha zona comercial de economía sostible e proximidade, que encaixaría e uniría coa almendra central prevista da Edusi e o mercado dos sábados. E tamén en Bertamiráns, cos mesmos fondos, hai outras dúas grandes obras: a dos sendeiros escolares, a través da avenida da Peregrina que nos transfire a Xunta, e tamén a améndoa central, que vai humanizar e cambiar o centro de Bertamiráns con semipeatonalización. Entre a Edusi e o Ames Progresa temos sobre a mesa, oito ou nove millóns de euros ademais das obras de ordinario, asfatados, cambios de LED. O problema é licitar todo iso, e tivemos que contratar persoal para xestionar este plans a maiores, liberando ao noso persoal dun traballo extraordinario.

Algún outro servizo para os amesáns na capital municipal?

A Xunta conta cun centro de formación en Bertamiráns infrautilizado, e temos en mente facer alí un complexo de formación e de referencia sobre enerxías renovables, non só para nós, senón tamén para os concellos darredor.

A oposición bótalle en cara que teña abandoado o rural. É certo?

Ninguén pode demostrar que este goberno non aposta polo rural, e xa llo dixen no pleno. Poden sacar que hai algunha pista que está mal, pero Ames ten máis de 20 núcleos de poboación no rural, e levamos 7 anos no goberno: para ter ben o rural non hai ningún alcalde ou alcaldesa que o faga en menos de 15 anos. É moi fácil botar as contas cos cartos que hai, e cada vez que facemos o POS repártese proporcionalmente, e o rural ten superado moitas veces a Bertamiráns en investimento. Trasmonte e Agrón están saneados totalmente, e imos facer agora o de Covas, sen olvidar a limpeza dos núcleos con plan rural, e os 700.000 euros para saneamento en Lens.

Seguen tensas as relacións ca Xunta? Inviste en Ames dabondo?

Defendo as relacións institucionais. E coa Xunta e consellerías en concreto, son boas. Fixemos avances, como en Infraestruturas que antes era máis tensa, acadando unha solución conxunta para o bus de Ortoño e vannos facer a transferencia da travesía da Peregrina. Falo coa conselleira, e hai comunicación. Vicepresidencia tamén colabora. A miña crítica é contable, porque o Goberno do Estado increméntanos case en 700.000 € a súa aportación, e a Deputación está aí sempre, a carón dos concellos. Pero a Xunta non, lamentablemente para todos, non só para nós. E o que critico da Xunta.

Sóbralle maioría co BNG. Por que integrar ás dúas edís de Podemos?

A concelleira Genma Otero fai un gran traballo. Aporta moito, porque ten experiencia, e á parte do anterior goberno, controla todo o traballo que se fai, non só dos orzamentos, senón tamén da súa xestión e aplicación; encárgase da area de contratación e está levando a Edusi, porque o alcalde non pode estar á fronte, non pode firmar, xa que é a persoa que ten que vixiar que se cumpra. E é Genma quen esta firmando e controlando. É certo que non nos facía falta Podemos, pero apostamos por incluilo, e na etapa anterior saíra ben. Aportaron moito, e non as iamos a deixar fora só por cuestións de aritmética.

Cando teremos un parque de bombeiros para Ames e comarca?

Espero que canto antes. Xa hai un convenio que nos mandou Santiago, e están a estudalo por parte da Xunta de Galicia e da Deputación coruñesa para encaixalo economicamente. A aposta do Consorcio é comarcalizar os parques municipais, e espero que neste primeiro semestre de ano estén xa atendendo á comarca. E logo farase o novo parque en Salgueiriños.

05 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.