Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Hai remodelacións porque, por exemplo, no CEIP de Merza non se rexistrou ningunha matrícula // Está previsto acometer a ampliación do o IES Antón Losada Diéguez da Estrada e construir un novo colexio no Milladoiro TEXTO M. Boo

Infantil e Primaria gañarán 130 aulas en Galicia con 9.200 alumnos menos

O sistema educativo público galego vai contar a partir deste mesmo mes de setembro con máis aulas de Educación Infantil e Primaria en funcionamento que as que había no curso 2019-20, o último antes da pandemia, malia a rexistrar un descenso de case 9.200 alumnos matriculados nestas etapas neste período.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba este venres a modificación do catálogo de unidades, que é o resultado da organización escolar atendendo aos datos oficiais de matrícula rexistrados.

Así pois, este curso 2022-23 haberá un total de 7.581 aulas de Infantil e Primaria en funcionamento no sistema educativo público de Galicia, o que supón 130 máis que as 7.451 do curso 2019-20, pese a un acusado descenso de 9.184 matrículas neste período de tres anos ó pasar de 137.275 a 128.091.

Con esta distribución de unidades e a dotación de todo o profesorado necesario para atendelas, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades considera que dá resposta as necesidades dos 128.091 escolares matriculados no sistema público para as mencionadas etapas.

De feito, Galicia ten en marcha tres procesos de oposición entre este e o próximo ano que suman preto de 4.000 prazas docentes, o que –unha vez rematados– reducirá a taxa de interinidade ao 6 % (actualmente, co 8 %, xa é a comunidade autónoma con menos profesores interinos do Estado).

Cómpre lembrar que as ratios establecidas pola normativa estatal para Infantil e Primaria son de 25 alumnos por aula, e en Galicia, o 70 % das clases destas etapas teñen 20 alumnos ou menos (e destas, o 30 % teñen dez ou menos escolares).

A isto engádese que a Comunidade galega mantense nos postos de cabeza no relativo á ratio alumno/profesor, cunha media de 10,2 estudantes por cada docente no ensino, só por detrás de Estremadura e á par de Asturias e Cantabria. Hai que ter en conta que a media nacional é de 12 escolares por profesor, polo que Galicia amosa unha estatística moito mellor.

Cómpre sinalar tamén que o 99,26 % do alumnado que solicitou praza en 4º curso de Educación Infantil (3 anos) nos centros educativos sostidos con fondos públicos nas catro provincias galegas para este curso obtívoa no colexio escollido como primeira opción, polo que practicamente a totalidade das familias escolarizan aos seus fillos no centro de preferencia, que adoita a ser o que teñen máis preto da súa residencia habitual.

Doutra banda, os últimos informes publicados a nivel nacional indican que en Galicia o 99,7 por cento do alumnado de Infantil e Primaria conta con servizo educativo no concello onde reside. Isto supón que só o 0,3 por cento non dispón del no seu municipio fronte ao 1,2 por cento de media de España, o que volve situar a Galicia con cifras moito máis favorables que a media.

INTEGRACIÓN DE CENTROS. Ademais disto, e atendendo ás solicitudes da comunidade educativa local e dos concellos das súa respectivas zonas, procédese á integración da Escola de Educación Infantil (EEI) Nosa Señora do Carme (Marín) no Colexio de Educación Primaria (CEP) de Sequelo, que pasará a ser un Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP); e á integración da Escola de Educación Infantil (EEI) Vagalume (Vilagarcía de Arousa) no colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Arealonga do mesmo Concello.

Por outra banda, debido á falta de matrículas, deixarán de prestar servizo o colexio CEIP de Sillobre en Fene (3 matrículas) e o colexio CEIP de Merza (ningunha matrícula rexistrada) no Concello de Vila de Cruces. En todos os casos, estas decisións son froito do consenso das comunidades educativas e das administracións locais respectivas.

Precisamente tendo en conta as necesidades de escolarización, e para atender a demanda en determinadas zonas que disfrutan dun maior dinamismo demográfico, nestes momentos a Consellería de Educación ten programadas ampliacións de centros (como é o caso da ampliación do instituto IES Pedras Rubias en Salceda de Caselas ou o Antón Losada Diéguez da Estrada) e de novas construcións (como o novo instituto de Navia en Vigo ou o novo colexio do Milladoiro, en Ames).

Sindicatos
A cig denuncia recorte de unidades

··· A CIG ve as cifras doutro xeito e así o reflicte nun comunicado no que dí que “a venres 12 de agosto, en pleno verán, recuperando os peores modos do Goberno do Partido Popular, a Consellaría de Educación volve recortar unidades e postos de traballo. Logo dun estudo rápido realizado pola CIG-Ensino atopámonos con que a Consellaría suprime 33 unidades en Educación Infantil e 26 en Educación Primaria, un total de 59 unidades. Estas 59 unidades menos fan que nos atopemos con case 100 docentes menos no sistema educativo galego nos niveis de Infantil e Primaria. A estas cifras engádenseos recortes xa denunciados o 20 de xullo”. A xuizo do sindicato nacionalista “a Consellaría segue adiante coa política de desmantelamento do ensino público, antepoñendo os criterios economicistas á calidade da educación. Un desmantelamento que incide especialmente na atención ás necesidade educativas específicas e que vai redundar na masificación das aulas debido ao incremento das ratios e a imposibilidade de realizar desdobres”.

13 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.