Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 28 enero 2023
21:04
h

Iniciativas pedagóxicas todo o mes en Melide polo 25-N

A mocidade protagonizará boa parte das actividades // Dan comezo este vindeiro venres e rematarán o 3 de decembro

O Concello de Melide estende a todo este mes as actividades vinculadas ao 25 de novembro, o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. As propostas darán comezo este mesmo venres, día 11, e rematarán o sábado 3 de decembro. A mocidade protagonizará boa parte das iniciativas, que terán carácter pedagóxico.

O venres 11 e o luns 14 de novembro, entre as 10.00 e as 14.00 horas, terá lugar un curso de autodefensa no pavillón municipal. As inscricións poden facerse no centro social, chamando ao teléfono 981 50 57 06.

O sábado 12 representarase Matrioskas, de Marta Ortiz e Sofía Espiñeira. Trátase dun espectáculo musical e narrativo onde dúas mulleres cantan e contan historias sobre a muller, experiencias vitais e compartidas. A dúas voces, a contadora Marta Ortiz e a cantautora Sofía Espiñeira xuntan palabras e música para revivir estes relatos. Será ás 20.00 horas no centro sociocultural Mingos de Pita.

Os días 21, 22, 23 e 24 de novembro terán lugar en todos os centros educativos de primaria e infantil (CEIP Nº1, CEIP Martagona e CEIP Mestre Pastor Barral) espectáculos de teatro e baile coeducativo. Na escola infantil municipal e na Galiña Azul, pola súa banda, representarase o espectáculo Somos Super-Iguais. O propio 25 de novembro, venres, o alumnado do IES de Melide presentará o vídeo que elaboraron con motivo desta data. Como cada ano, lerase un manifesto institucional municipal ás 12.00 horas na Praza do Convento.

Xa o luns 28 de novembro celebrarase un obradoiro de prevención de acoso na rúa no IES de Melide. Por último, o sábado 3 de decembro, Redrum Teatro representará a obra 2PILGRIMS no centro sociocultural Mingos de Pita. O Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades son os temas principais que conforman esta aventura cativadora.

O programa de actividades está organizado polo Concello de Melide, coa colaboración da Fundación Mujeres, a Xunta de Galicia e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. As actividades tratan de concienciar sobre esta lacra social e como se dixo, contan coa participación dos mozos e mozas, que son o futuro, e por conseguinte, os encargados de seguir combaténdoa ata lograr erradicala dunha vez por todas.

10 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
25N
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.