Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Instan á Xunta a paralizar o proxecto do parque eólico de Vilartoxo, en Val do Dubra

A parlamentaria socialista Noa Díaz advirte que isto supón un fraccionamento e que vulnera normativas medioambientais

A parlamentaria socialista Noa Díaz solicitoulle á Xunta que paralice o proxecto do parque eólico de Vilartoxo, no concello de Val do Dubra, tal e como foi presentado, porque “agocha un fraccionamento de varios parques e vulnera normativas medioambientais”, ademais de afectar ó patrimonio cultural.

A responsable socialista presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para levar á Cámara o acordo da Deputación da Coruña do pasado 22 de decembro en apoio ás alegacións do Concello de Val do Dubra e á veciñanza afectada polo parque eólico. Noa Díaz apunta que “existen innumerables razóns para non autorizar o parque eólico de Vilartoxo”, promovido por Green Capital Power S.L. entre os concellos de A Baña e Val do Dubra.

Díaz apunta que os veciños e veciñas da parroquia de San Román indican que o proxecto “é en realidade resultado dun fraccionamento para evitar os efectos dunha avaliación ambiental máis restritiva”. Sinalou que “en realidade, son tres parques que comparten infraestruturas, como a liña de evacuación de Lousame ou un centro de control conxunto”, asegurou.

Asimesmo, lembrou que as alegacións presentadas polo Concello inciden “na vulneración da Directiva Hábitats da UE, en que o proxecto carece de utilidade pública e de interese social e ademais vulnera a Directiva Marco da Auga, afecta ás familias dos núcleos máis próximos e carece de autorizacións de Patrimonio Cultural, entre outras”, dixo.

O portavoz do PSdeG no concello de Val do Dubra, Diego Luis Díaz, emprazou a “empregar todas as institucións” para intentar frear o parque eólico de Vilartoxo, tal e como xa se fixo a nivel local e provincial, respaldando as alegacións do Concello coas cales se rexeita este proxecto.

Tamén subliñou que “agora é a oportunidade de que o Parlamento de Galicia se sume á posición que respaldan a Corporación dubresa e a veciñanza de San Román”.

Hai que lembrar que os veciños da zona veñen recolledo sinaturas, argumentando que o parque afectará a inmobles da zona e ao patrimonio natural e histórico. Tamén cren que xerará malestar entre os habitantes do entorno polo ruído dos aeroxeradores. Un proxecto, en resumo, con moitas voces en contra.

comarcas@elcorreogallego.es

23 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.