Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Íntegro reciclará e transformará o plástico navideño de Carballo

Creará outros produtos coas 20.000 bolas agochadas na Casiña habilitada polo CCA

O proxecto medioambiental da Asociación Íntegro para a reciclaxe e transformación de residuos plásticos Diversiplás, + diverso - plástico segue avanzando no seu camiño cara unha Costa da Morte máis sostible, máis diversa e con menos plástico. E, desta volta, faino captando novos colaboradores e participando nun proxecto “no que a ilusión, a maxia e, por suposto, a reciclaxe serán coprotagonistas xunto cos máis pequenos da casa”, afirman.

Así, grazas ao Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo e á súa campaña de Nadal, recompilarán máis de 20.000 bolas, as mesmas que agocha no seu interior a casiña de Nadal que o CCA ten instalado na praza do Concello para repartir ilusión, sorrisos e premios entre a cativada. Para conseguilas, bastará con mercar nos 76 locais comerciais e de hostalaría adheridos á campaña. A cambio, cada cliente recibirá un vale que os máis peques poderán cambiar por unha tirada e obter unha bola con premio seguro e directo.

Unha vez obtido o agasallo, os envases poderán ser depositados nun tragabolas para o seu almacenamento e posterior utilización como materia prima no taller de aproveitamento e reciclado que Íntegro vai poñer en marcha en 2022 co apoio e asesoramento de Adrián Coira, de Just Fair Enough, para a creación de produtos con diferentes utilidades (chaveiros, macetas, mobiliario urbano....).

Desde a asociación piden a colaboración de toda a cidadanía para lograr recompilar o maior número posible de bolas, e darlles unha segunda vida a través da reciclaxe.

Diversiplás é unha iniciativa de economía circular, xurdida ao abeiro do proxecto Tanza, dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos. Coordinado por Íntegro, conta co apoio do Galp Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Ademais da súa aportación ao proxecto medioambiental Diversiplás, este Nadal o CCA carballés contribuirá á inclusión social e laboral de persoas con diversidade funcional, xa que dous traballadores de Máis Porvir Xestión Social serán os encargados de repartir ilusión, sorrisos e premios entre a cativada.

22 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.