Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Pesca e marisqueo. Dezasete dos vinte e nove pósitos beneficiarios das axudas da Deputación pertencen ao litoral de Área // Investiranas en consolidar plantillas, a compra de sementes, equipamentos para infraestruturas e servizos TEXTO J. M. Ramos

Inxeccións ás confrarías para o persoal e a comercialización

A Deputación da Coruña apoiará, un ano máis, ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadores e mariscadoras para o desenvolvemento da súa actividade cunha achega de 460.733,27 euros, que permitirán a contratación e mantemento de persoal, a mellora de infraestruturas e procesos de comercialización, entre outras cousas.

A través desta liña de subvencións, un total de vinte e nove pósitos coruñeses recibirán entre 3.958 e 19.500 euros, que destinan a proxectos como a contratación e mantemento de postos de traballo, servizos de gardapescas, adquisición de sementes de moluscos, vixilancia e xestión de bancos marisqueiros, mellora na comercialización de especies, servizos de asesoramento ou adquisición de maquinaria e equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo.

Dezasete das vinte e nove axudas concedidas este ano serán para colectivos profesionais do ámbito litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (no concello da Laracha) e Rianxo, que se repartirán un total de 281.165,03 euros.

As entidades beneficiarias na Costa da Morte son a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns (10.082,18 €), que empregará a axuda en financiar parte do servizo de vixilancia; a confraría de Camariñas (18.000 €), que os investirá en servizos; a confraría de Camelle (14.191,70 €), que brindará asesoramento aos mariñeiros e mariscadores; a de Corme (11.309,94 €), que fomentará a actividade pesqueira e marisqueira; a de Laxe (18.000 €), que dará continuidade á promoción e divulgación dos procesos de comercialización; a de Malpica (18.000 €), que os investirá en vixilancia e comercialización de produtos de difícil saída; a de Fisterra (17.500 €), que implementará ferramentas para mellorar o valor dos peixes e mariscos; a de Muxía (18.000 €), que desenvolverá un proxecto de comercialización e control de descargas; e a de Corcubión (18.000 €), que busca mellorar a comercialización.

Pola súa banda, no litoral de Barbanza e Muros-Noia recibirán axudas as confrarías de Carreira e Aguiño (12.000 €), que os investirán na adquisición de semente de ameixa fina de posta inducida; a de Muros (19.500 €), que buscará mellorar a comercialización dos recursos non marisqueiros; a de Cabo Cruz (17.500 €), que pretende mellorar a actividade funcional do pósito e da lonxa; a de Lira (18.000 €), que financiará os custos de persoal laboral da confraría e da lonxa; a do Pindo (18.000 €) que contratará persoal para formación, conservación, divulgación e desenvolvemento do mundo do mar; a de Noia (18.000 €), que dedicará a axuda a financiar os custos de persoal; a de Porto do Son (17.581,21 €), que os investirá en vixir os bancos marisqueiros e na comercialización de produtos de difícil saída; e a de Rianxo (17.500 €), que pretende mellorar a comercialización na lonxa da localidade.

O deputado de Promoción Económica, Blas García, asegura que con estas axudas o organismo provincial pretende contribuír a “apoiar un sector chave da economía galega”, ao igual que fixeron outorgando outras subvencións directas a outros sectores afectados pola crise derivada da guerra de Ucraína.

O protagonista
“É un sector estratéxico”
Blas García
Deputado de Promoción Económica

O deputado de Promoción Económica, Blas García, asegura que este é “un programa co que impulsamos un sector estratéxico, cunha gran importancia económica e social e que xera miles de empregos”. Aínda que o sector da pesca coruñesa “está a verse seriamente afectado polas consecuencias da crise sanitaria e económica, segue sendo referente no ámbito da pesca fresca en Galicia”, engadiu. Blas García lembra que este ano a Deputación destinou 5 millóns de euros a axudas directas aos sectores máis afectados pola alza dos combustibles.

{ Pasaba por aquí }
Aposta polo local
Manuel Lavandeira

A PESCA E O MARISQUEO son dous dos piares económicos da maioría das vilas mariñeiras do noso litoral, que agora, como outros moitos sectores, se están a ver seriamente afectados pola crise económica derivada da guerra de Ucraína e, especialmente, pola subida do prezo dos combustibles. Hai que lembrar ademais que foron dous sectores que, durante a pandemia, mantiveron a súa actividade para garantir que chegasen ás nosas mesas os peixes e mariscos frescos e de calidade. Axudar a manter vivos estes colectivos profesionais que, na súa maioría, exercen a actividade dun xeito artesanal, é unha obriga e, á vez, unha aposta pola economía circular local, que é fundamental para asentar poboación e garantir o futuro destas vilas.

19 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.